Vence: Politiza o idioma quen lexisla en contra del e levanta barreiras
Multitudinaria mobilización de Queremos Galego nas rúas de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 8 de febreiro 2015.- O BNG participou hoxe na manifestación en defensa do galego convocada pola plataforma Queremos Galego baixo o lema Polas fillas dos nosos fillos celebrada en Santiago, para defender a supervivencia e a normalidade dun idioma milenario e de cultura, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence, que encabezaba a ampla representación do Bloque.
Vence lamentou a falla de apoio das institucións para o idioma que é de todos e todas, con independencia de ideoloxía ou cor política, animou a sentir orgullo dunha lingua que forma parte da construción do noso pobo e convidou a desfrutar das súas creacións artísticas, para que siga a ser un idioma vivo e a mellor expresión deste país.
Temos dereito a que o noso idioma siga vivo e non sexa desprezado polas institucións estatais, autonómicas que renegan da defensa dun dos nosos sinais de identidade, e criticou a política lingüística do PP. Non aproveitou o autogoberno para defender o idioma, o autogoberno debe ser un dos principais valedores e axentes de prestixio do idioma e, hoxe por hoxe, non vemos ese compromiso na Xunta, ni no presidente nin no seu goberno.
O portavoz do Bloque deixo claro que defender e reivindicar a lingua propia do país non é politizalo, por contra, politizan o idioma quen lexisla en contra del.
O idioma é a expresión máis xenuína dun pobo porque é o seu vehículo de comunicación, os únicos que politizan o idioma son os que lexislan en contra del, os que fan leis para acortar os espazos de uso do idioma, os que fan leis que en lugar de promover o uso do idioma levantan barreiras e dificultades e emiten mensaxes negativas da nosa lingua, argumentou.
Reivindicar o idioma non é politizalo, senón reivindicar a normalidade dunha das mellores aportacións deste pobo á humanidade, concluíu.