ORZAMENTOS

O  BNG facilita a aprobación do Orzamento para 2022 coa abstención e fará seguimento da xestión das propostas incluídas na negociación

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
“Hai varios gobernos, unha parte rancia e conservadora, que se nega a avanzar en políticas de esquerdas e precisas para o noso concello e outra que recoñece que desde a oposición se fai un bo traballo e que se defenden propostas que reclama a veciñanza”, indicou Goretti Sanmartín
O  BNG facilita a aprobación do Orzamento para 2022 coa abstención e fará seguimento da xestión das propostas incluídas na negociación

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín explicou durante a súa intervención no Pleno para a aprobación inicial dos Orzamentos 2022 e cadro de persoal que o BNG contribuíu a facilitar, co voto de abstención, as diversas propostas que o PSOE aceptou durante o proceso de negociación e non por significar a aprobación da xestión do grupo de goberno. “Entendemos que temos que facer un esforzo e remar para que se execute o que se orza, facerlle un seguimento e que poida ser unha realidade”, afirmou.

O primeiro que o BNG trasladou é que esta proposta orzamentaria “chega moi tarde”, con tres meses xa perdidos para a  súa execución. “Preocúpanos que chegue tarde porque, máis unha vez, temos que falar dunha baixa execución no ano 2021, unha execución que a 30 de setembro se situaba no 9,83% no capítulo de obras e investimentos e que veremos se chega ao 25% computando todo o 2021”, indicou Goretti Sanmartín.

O BNG actuou este ano como en ocasións anteriores entendendo que ten que estar á altura do que a poboación precisa e non dos intereses de cada grupo político.

Lembrou que se puxo en funcionamento o pagamento fraccionado dos impostos, despois de o BNG o reclamar durante anos, e que unha parte do goberno tivo vontade de negociar e de incluír varias das propostas neste proxecto de Orzamentos. Pola contra, o alcalde comezou mal, ameazando con someter este proxecto de novo a unha cuestión de confianza.

“Aquí, como no tema da defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres, hai varios gobernos, unha parte rancia e conservadora, que se nega a avanzar en políticas de esquerdas e precisas para o noso concello e practica o absolutismo e outra que nalgunhas cuestións recoñece que desde a oposición se fai un bo traballo e que se defenden propostas que reclama a veciñanza”, indicou Goretti Sanmartín. “Hai outras partes do goberno que non están, nin para unha cousa nin para outra”, advertiu.

Entre as cuestións que propuxo o BNG e que se incluíron están as seguintes:

- As axudas para sectores afectados pola COVID-19 e polas obras

- A reserva dunha cantidade para saneamento e abastecemento para o rural.

- A estatua dedicada a Ánxel Casal, que debe estar nun lugar céntrico e emblemático de Compostela, como a Praza de Cervantes e é bo que represente de xeito realista a figura de quen foi alcalde desta cidade asasinado no 36.

- O servizo de control das empresas concesionarias

- Unha partida para accesibilidade que está condicionada á venda de parcelas, mais que entendemos, como tamén entende COGAMI, que é preciso adiantar cos remanentes de 2021 para non chegarmos a finais de ano e estar coas obras sen executar

- A realización da seguinte fase da obra de Castrón Douro a Sar

- A posta en funcionamento do centro de asesoramento LGBT

- O novo parque de skate en Conxo

- A convocatoria da liña de axudas para ONG e Cooperación

- A actuación integral en Guadalupe-A Ponderosa

- O compromiso con instalacións deportivas que se suman á nova piscina de Santa Marta como a Cidade da Raqueta

- A mellora da rúa Mallou

- O estudo da accesibilidade e humanización da rúa Bispo Teodomiro e do Barrio da Estila e Avenida de Salamanca

- O compromiso de negociación coa Xunta de Galiza para conseguir un centro de día nas Fontiñas e un conservatorio de danza

- Ou a incorporación inminente do crédito necesario para dotar a Rocha Forte dun local multiusos

“Mais o certo é que estes non son os nosos orzamentos, nin inclúen todo aquilo que o BNG pensa que é importante e urxente nin se atreven a mudar de liña e avanzar, por exemplo, na xestión directa de determinados servizos, e iso a pesar de o facilitar a Lei de Orzamentos do Estado e de se manifestar a favor a concelleira de Facenda”, indicou. No artigo 20.6, apartados f e g determínase que non conte a taxa de reposición para novos servizos, o da inspección das concesionarias é un deles, e para aqueles que pasen a ser prestados mediante xestión directa, como o das multas ou o CAU, por non falar do tema da auga.

Houbo outras cuestións de moito interese, varias delas promesas electorais do PSOE,   que ficaron no tinteiro:

- A negativa a facer novos aparcadoiros públicos

- As obras de humanización do Restollal

- O plan de mellora do remate das obras de Vista Alegre

- A fase pendente das obras nos Basquiños-A Pastoriza

- A creación dun Museo de fotografía e do espazo para as escenografías de Kukas

- O remate das obras de Puente la Reina

- Un plan de emprego xuvenil

E este orzamento continúa a ser pouco transparente, coa inclusión de partidas moi globais que non se sabe que conteñen no seu interior e, por tanto, cun exceso de discrecionalidade. “Como dixemos na Comisión preocúpannos as previsións inxustificadas de ingresos sobre comedores escolares de case 200.000 euros máis que en 2020, e máis aínda a das multas de tráfico, con case 400.000 euros máis previstos que en 2021, unha clara fonte de financiamento deste goberno municipal que elixiu o modelo dos radares recadatorios fronte ao das campañas de concienciación e contribución á seguranza viaria”, indicou.

Desde o BNG farán seguimento para que se cumpran os compromisos co Comité de Empresa e a Xunta de Persoal, no relativo ao  control das horas extra, compromiso de homologación de niveis no persoal temporal e de novo ingreso, pois non é pouca a perda do poder adquisitivo do persoal municipal e moitos os dereitos que cómpre recuperar.

Así, concluíu que “nin a xestión nin as propostas orzamentarias do PSOE merecen un si a este proxecto, mais dámoslle un voto de confianza, coa abstención, a que cumpran o prometido e negociado para mellorar as condicións de vida das persoas de Santiago”, ademais de indicar que prestará unha especial atención ao desenvolvemento e xestión de cada unha das propostas que finalmente se incluíron nos Orzamentos para 2022.

O  BNG facilita a aprobación do Orzamento para 2022 coa abstención e fará seguimento da xestión das propostas incluídas na negociación