CULTURA
O BNG de Santiago realiza un reparto da campaña “Mes de Rosalía, mes de rebeldía”

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022.- O BNG de Santiago realizou un reparto informativo polos comercios, con colantes e marcapáxinas de libros, para publicitar as actividades da campaña “Mes de Rosalía, mes de rebeldía”
“Rosalía de Castro, esa escritora feminista, comprometida, defensora da nosa lingua e da nosa cultura, é unha muller á que sempre hai que ler e reler porque ten un pensamento absolutamente vivo e actual”, sinalou Goretti Sanmartín, portavoz municipal de Santiago.
“Desde o BNG da comarca de Compostela iniciouse unha campaña de actos, aos que convidamos a acudir, e por iso realizamos este reparto de autocolantes e marcapáxinas de libros para que declaren este mes como “Mes de Rosalía, mes de rebeldía”, para celebrar este 23 de febreiro o nacemento da escritora, uníndonos a esas investigacións sobre a efeméride”, engadiu.
Así, realizou un chamamento a acudir o sábado 12 de febreiro ás 19:00 horas a Padrón, na Casa dos Capeláns, onde haberá unha palestra a cargo de Francisco Rodríguez, un dos maiores especialistas sobre a obra rosaliana, cunha actuación musical ao remate. O 19 de febreiro haberá un roteiro na Casa de Rosalía de Castro, con saída desde a estatua do Paseo do Espolón ás 10:00 e o 20 de febreiro ás 12:00 desde a igrexa de Bastavales haberá teatro a cargo do grupo “Os Quinquilláns”. As inscricións para participar nestas actividades poden facerse en compostela@bng.gal.
Trátase dun programa que vén completar as actividades organizadas desde a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, a Fundación Rosalía de Castro, diferentes administracións e asociacións para celebrar a obra desta escritora.