PLENO

Goretti Sanmartín propón que o Concello colabore cos labores de recuperación de patrimonio tradicional iniciados por asociacións

Visita a Bálsoma, na Gracia
Visita a Bálsoma, na Gracia

Visitou a ruta dos muíños de Bálsoma, na Gracia, en proceso de restauración por iniciativa veciñal para convertela nunha zona de interese etnográfico

Goretti Sanmartín propón que o Concello colabore cos labores de recuperación de patrimonio tradicional iniciados por asociacións

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín presentará no Pleno unha iniciativa do BNG para contribuír aos labores de recuperación, coidado e difusión de elementos de arquitectura tradicional e etnográficos iniciados por diversas asociacións.

Santiago de Compostela ten un rico patrimonio construído de interese arquitectónico tradicional e etnográfico como fontes, lavadoiros, hórreos, muíños, cruceiros e curtidoiros, “que son vestixios da nosa cultura propia e contribúen a definir un xeito de entender a vida comunitaria xa que fan parte dos nosos sinais de identidade, falan de quen fomos e de quen somos”, explicou.

Existen diversas iniciativas veciñais a nivel local, como a da Asociación en Defensa dos Muíños de Bálsoma, na parroquia da Gracia, xurdida para realizar os necesarios procesos de consolidación, restauración e reconstrución deste conxunto etnográfico de muíños. Segundo indicou, “precisan da colaboración das distintas administracións para proseguir con este labor e conseguir a súa posta en valor e convertelo nunha zona de interese etnográfico para atraer visitas”. “A propia asociación leva ano e medio a realizar tarefas de roza, limpeza e colocación de pasos de acceso para gozar dunha fermosa paisaxe á beira do río, cunha forte implicación veciñal que fomenta o carácter social destas intervencións”, engadiu Goretti Sanmartín.

Ademais, pódese realizar un plan de actuación sobre patrimonio cultural das parroquias que inclúa escavacións arqueolóxicas, restauracións, recollida de documentación histórica, ditos, lendas e costumes e mesmo a memoria sobre a represión franquista para facer destes bens non só un dinamizador económico senón tamén un elemento de cohesión social.

Deste xeito, o BNG proporá no Pleno de febreiro que o Concello de Santiago realice as xestións necesarias, en colaboración con outras administracións, para contribuír mediante recursos económicos e de asesoramento aos labores de recuperación de elementos de arquitectura tradicional e etnográficos iniciados por diversas asociacións.

 

 

Goretti Sanmartín propón que o Concello colabore cos labores de recuperación de patrimonio tradicional iniciados por asociacións