PLENO
O BNG reclama a mellora dos servizos básicos de iluminación, residuos, zonas verdes e seguranza viaria en Roxos
Goretti Sanmartín reuniuse coa veciñanza do SUNP-25, un barrio conformado por 130 vivendas que carecen de prestacións municipais
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín trasladará ao Pleno un paquete de medidas para a mellora dos servizos e dotacións públicas relativas a iluminación pública, recollida de residuos, limpeza, zonas verdes e seguranza viaria no SUNP-25 de Roxos.
O grupo municipal do BNG mantivo unha reunión con representantes da veciñanza da zona do SUNP-25 de Roxos, localizado entre a rúa Barrosa, o CEIP de Roxos, rúa do Nabal e rúa de Muros, na parroquia de Villestro, en que describiron unha serie de deficiencias en canto a servizos públicos municipais que se deberían corrixir para gañar calidade de vida as familias que residen neste barrio conformado por 130 vivendas.
Nese sentido, para alén de agardar a recepción definitiva de todas as fases desta urbanización, faise necesario que os novos contratos das empresas concesionarias inclúan determinadas actuacións para a posta en funcionamento, mantemento e mellora dos servizos públicos neste barrio, explicou.
Así, no SUP-25 de Roxos corresponden facer, por parte do Concello, os labores de mantemento da iluminación pública para que exista un correcto funcionamento das lámpadas, xa que moitas delas non acenden cando corresponde cos problemas que entraña a falta de visibilidade, sobre todo, nos meses de inverno cando escurece antes.
En canto ao servizo de limpeza, precisan colectores de recollida selectiva de residuos, poñer en funcionamento os colectores soterrados, novas papeleiras e unha periodicidade para varrer as beirarrúas que acumulan sucidade e restos de envoltorios.
O mantemento de zonas verdes, alcorques e podas de árbores tamén son aspectos que presentan un grande abandono por parte das responsabilidades municipais. De feito, hai unha árbore caída desde hai varios meses na lagoa que aínda non foi retirada. Tamén é necesario un parque infantil, pois a poboación máis nova non dispón de espazos para o xogo e o encontro no tempo de lecer.
Son necesarias medidas para incrementar a seguranza viaria na regulación do tráfico cara ao CEIP de Roxos, coa posibilidade de lle dar acceso pola parte traseira para salvar as dificultades existentes co autobús na actualidade. Cómpre, ademais, solucionar a presenza de fochancas polos danos que están a causar nas vías de tránsito e arranxar o muro en risco de desprendemento situado na rúa Elena Quiroga de Abarca.
Nesa área de Roxos existen dúas parcelas municipais sobre as que se pode realizar un estudo para destinalas a uso dotacional ou vivenda protexida, atendendo as necesidades das persoas que alí residen.
Deste xeito, o BNG reclamará no Pleno de febreiro que o Concello de Santiago adopte as medidas necesarias para a mellora dos servizos e dotacións públicas relativas a iluminación pública, recollida de residuos, limpeza, zonas verdes e seguranza viaria no SUNP-25 de Roxos.