PLENO
O BNG propón un plan para a creación de novos servizos coa dotación do persoal correspondente e o rescate dalgúns dos que están en réxime de concesión ao abeiro da Lei de Orzamentos Xerais
Facúltase a contratación directa de persoal polas administracións públicas nos efectos da taxa de reposición nos sectores prioritarios
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022.- O grupo municipal do BNG presentará no Pleno unha proposición para realizar un plan para estudar a creación de novos servizos necesarios coa dotación do persoal correspondente e o rescate dalgúns dos que están en réxime de concesión, para encargar os pertinentes informes de custes, beneficios e posíbeis melloras da xestión directa, ao abeiro das posibilidades que ofrece a Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2022 no relativo á contratación directa de persoal polas administracións públicas e á taxa de reposición.
A Lei 22/2021, de 28 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022, no capítulo IV inclúe a regulación da Oferta de Emprego Público, que se suxeitará a unha taxa de reposición de efectivos do 110% e nos sectores considerados como prioritarios, esta taxa será do 120%
No artigo 20, sobre a Oferta de Emprego Público, contratos e nomeamentos temporais do persoal do sector público, indícase que isto se producirá sen prexuízo dos procesos de estabilización derivados do Real Decreto-Lei 14/2021, de 6 de xullo, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.
Entre os servizos de carácter prioritario para os efectos da taxa de reposición, detállanse, entre outras, as prazas de persoal que presta asistencia directa á poboación nos servizos sociais e servizos de transporte público, así como as prazas de seguranza e emerxencias, as relacionadas coa atención a cidadáns e cidadás nos servizos públicos e a xestión de prestacións e políticas activas en materia de emprego. Inclúense tamén as do persoal que preste servizos na área das tecnoloxías da información e das comunicacións.
Ademais diso, determínase que non computarán para a taxa de reposición e, por tanto, non se terán en conta para o seu cálculo os servizos públicos que pasen a ser prestados mediante xestión directa, na cantidade do número de prazas que as empresas externas destinaban á prestación dese servizo concreto. E tamén exclúe as prazas necesarias para a posta en marcha e funcionamento de novos servizos que veñan impostos en virtude dunha norma estatal, autonómica ou local.
Segundo se recolle no artigo 20.6, apartados f) e g)
20.6 f) As prazas necesarias para a posta en marcha e funcionamento de novos servizos cuxo estabelecemento veña imposto en virtude dunha norma estatal, autonómica ou local.
20.6 g) Nos servizos públicos que pasen a ser prestados mediante xestión directa, o número de prazas que as empresas externas destinaban á prestación dese servizo concreto.
Deste xeito, ábrense máis facilidades para realizar un estudo para crear novos servizos públicos municipais e para rescatar algúns dos que na actualidade están concesionados e xestionados por empresas privadas.
Cómpre lembrar que a aprobación das formas de xestión dos servizos e dos expedientes de municipalización é unha competencia que lle corresponde ao Pleno, segundo o artigo 22 apartado f) da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local.
Para iso, tendo en conta as posibilidades de incrementar recursos humanos que dispón a Lei de Orzamentos do Estado de 2022, é necesario realizar os pertinentes informes de custes, beneficios e posíbeis melloras da xestión directa na prestación dos servizos entre os que se poden incluír o da xestión das multas, o do CAU e mais o do control, supervisión e inspección das empresas concesionarias, para comezar por algúns de menor entidade e con máis facilidade para que poida ser unha realidade próxima a mudanza de xestión, xunto cos servizos de abastecemento de auga e saneamento, recollida de residuos, transporte urbano e iluminación pública, entre outros.
Trátase de analizar se estes servizos, mediante o proceso de reinternalización, poden ofrecer un modelo máis equitativo, transparente, sustentábel e eficiente que o que proporcionan os provedores privados na actualidade, alén de eliminar os gastos adicionais de licitación, supervisión e resolución de deficiencias que se detectan nos servizos privatizados tanto por parte da veciñanza como pola propia administración local, que non é quen de controlar nin esixir, en numerosas ocasións, que se cumpra o estipulado nos pregos de contratación.
Nese sentido, cómpre lembrar o descontento da veciñanza de Santiago de Compostela con respecto ao funcionamento do servizo de recollida de residuos, limpeza, transporte público, xestión de multas e abastecemento de auga, entre outros, todos eles externalizados na actualidade.
Trátase, pois, de analizar, de xeito demorado e con estudos socioeconómicos, a escolla do modelo tendo en conta os longos períodos temporais para os que se procuran estas concesións e de non perder unha oportunidade única para reverter para a xestión directa servizos que poden prestarse directamente desde a administración municipal.