MOBILIDADE

O  BNG reclama diálogo e melloras na mobilidade “para que a praza de abastos se revitalice ao tempo que se conserve o patrimonio”

Mercado de abastos
Mercado de abastos hai anos

Os procesos de peonalización teñen que vir acompañados de alternativas serias, viábeis e realistas, explica Goretti Sanmartín

O  BNG reclama diálogo e melloras na mobilidade “para que a praza de abastos se revitalice ao tempo que se conserve o patrimonio”

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022.- A portavoz do grupo municipal Goretti Sanmartín lembrou que o BNG, estando de acordo cos procesos de peonalización e de coidado patrimonial da Cidade histórica e, de maneira destacada, do Arco de Mazarelos, puxo sempre enriba da mesa que había que facer “unha reflexión profunda do futuro que se lle quere dar ao mercado de abastos para que sexa ese elemento de dinamización comercial e de lugar produto fresco, especializado, local e da nosa economía de proximidade, que ten que seguir sendo ese pulmón non só turístico senón unha fonte viva de riqueza onde vaia comprar no día a día a hostalaría e as persoas habitantes de Santiago de Compostela”.

Nese sentido, desde o BNG enténdese que os procesos de peonalización teñen que vir acompañados de alternativas serias, viábeis e realistas.

Propostas do BNG para facilitar o aparcamento

“O que propoñemos e que lle pedimos ao Goberno local é que aplique solucións que o BNG tamén puxo enriba da mesa no seu momento” e citou como exemplo a ampliación do aparcadoiro de Belvís “e a posibilidade de facer alí unha construción que está prevista no Plan Especial de Belvís, mais este Goberno local négase a estudar esa posibilidade”.

Tamén existe a opción de ampliar o número de prazas permitidas para carga e descarga de 10 minutos para deixar unha persoa con problemas de mobilidade ou recoller a carga de bolsas e de produtos da praza. Se esas prazas non son suficientes, pódense ampliar á contorna da praza de abastos outras de estacionamento rápido para carga e descarga.

Xa coa vista posta na recuperación para a xestión pública do aparcadoiro da praza de Galiza, pódense adoptar eses convenios con posibilidade de horario gratuíto para quen vaia comprar ao mercado, para aquelas persoas que non poidan salvar a pendente da rúa das Trompas para acceder desde Belvís. Destacou tamén a opción de habilitar, coa accesibilidade e iluminación necesarias, a ruela da Tafona, un espazo polo que vai moita xente e que está nunhas condicións que non facilitan o tránsito.

Reclama diálogo

Así, indicou que “os procesos de peonalización están ben e poden ser dinamizadores do mercado pero teñen que ir acompañados de alternativas claras para o servizo dos comerciantes que teñen os seus postos, para as persoas que van levar mercadorías de carga e descarga, da hostalaría e tamén para a clientela habitual”.

“Todo iso débese facer con diálogo e buscando as mellores solucións para que a praza se revitalice e diso depende que conservemos o patrimonio do conxunto de composteláns e compostelás que non debemos deixar perder e que, desde logo, ao BNG tamén nos preocupa e entendemos o desacougo da xente da praza de abastos por non contar con esas alternativas para a mobilidade”, concluíu.

O  BNG reclama diálogo e melloras na mobilidade “para que a praza de abastos se revitalice ao tempo que se conserve o patrimonio”