ACCESIBILIDADE

O  BNG reclama que se volvan activar as mensaxes sonoras dos semáforos para garantir a accesibilidade das persoas invidentes

Navia Rivas, concelleira do BNG
Navia Rivas, concelleira do BNG

Suprimíronse en 10 pasos de peóns, o que dificulta a súa autonomía persoal

O  BNG reclama que se volvan activar as mensaxes sonoras dos semáforos para garantir a accesibilidade das persoas invidentes

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2022.- A concelleira Navia Rivas trasladará ao Pleno unha iniciativa do BNG para que o Goberno local volva activar as mensaxes sonoras dos semáforos para que as persoas con discapacidade visual poidan cruzar e manter a súa autonomía persoal.

O grupo municipal do BNG recibiu queixas de persoas con discapacidade visual que se ven afectadas pola supresión das mensaxes sonoras nos semáforos dos pasos de peóns. En concreto, detectaron 10 pasos de peóns -entre os que está o da Senra, o da estación de tren, o da Fonte de Santo Antonio e o de Romero Donallo cara a Conxo- con semáforos que deixaron de emitir a advertencia sonora para poderen cruzar a estrada, o que imposibilita e dificulta a súa autonomía persoal e lles está a ocasionar problemas de accesibilidade e de mobilidade.

Logo de comunicarse co departamento de Tráfico, argumentaron que se adoptou esta medida polas queixas da veciñanza ante o alto volume e a voz estridente das mensaxes dos semáforos e que van substituír este sistema por unha APP dirixida a persoas invidentes, coa que non están de acordo posto que son moitas as persoas que teñen dificultades para o manexo dos teléfonos e isto supón un novo atranco en vez dunha facilidade para a súa autonomía persoal. En todo caso, segundo sinalan, o Concello de Santiago non pode deixar de ofrecer estas mensaxes sonoras antes de poñer en marcha outras medidas alternativas para as persoas con discapacidade visual, pois constitúe unha regresión en accesibilidade.

Deste xeito, desde o BNG proporase no Pleno que se manteñan as mensaxes sonoras nos pasos de peóns, cunha gravación menos estridente e emitida a un volume que non cause malestar á veciñanza, posto que as persoas invidentes tampouco precisan ese número tan elevado de decibelios.

 

 

O  BNG reclama que se volvan activar as mensaxes sonoras dos semáforos para garantir a accesibilidade das persoas invidentes