PLENO

O  BNG reclama que se reforcen os puntos de acceso para a favorecer a transición cara á administración electrónica

bng
bng

As persoas maiores están a sufrir unha discriminación cando non permiten a inscrición presencial en actividades municipais dirixidas a este colectivo

O  BNG reclama que se reforcen os puntos de acceso para a favorecer a transición cara á administración electrónica

Coa eliminación dos trámites presenciais existe un atranco importante para as persoas que non dispoñen de medios informáticos nin sinatura electrónica
 

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2022.- O grupo municipal do BNG reclama que se habiliten e reforcen os puntos de acceso de información para favorecer a transición cara á administración electrónica e que se permita a presentación de trámites e solicitudes vía presencial e escrita para aquelas persoas que o desexaren de acordo coa normativa en vigor. No ámbito financeiro, o Concello de Santiago tamén debe contribuír a frear a falta de servizos presenciais que ofrecen os bancos, que mesmo teñen agora que recuar das súas pretensións de recortes na atención cidadá.

Así, o BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno ante as queixas da veciñanza recibidas coa  implantación da administración electrónica, derivadas dos problemas suscitados pola fenda dixital; isto é, coa eliminación da posibilidade de presentar solicitudes e realizar trámites pola vía escrita e presencial existe un atranco importante para a maioría das persoas que non dispoñen de medios informáticos, sinatura electrónica ou certificado electrónico, ao que se unen os protocolos de prevención da pandemia da covid-19.

Isto representa un veto a participar en determinadas actividades organizadas desde o propio Concello e á hora de realizar trámites, ao non facilitar o seu desenvolvemento do xeito que era tradicional. Así, as persoas maiores están a sufrir, de maneira especial, esta discriminación cando non se permite o rexistro de inscrición de xeito presencial para actividades dirixidas a este colectivo, por exemplo, ou para solicitar o pagamento fraccionado de impostos cando nin sequera estivo operativo o teléfono para a cita previa presencial. Do mesmo xeito que cando as persoas usuarias reciben as notificacións vía telemática e non dispoñen dos medios nin da formación adecuada para poder descargar o seu contido. Ou cando se habilitaron, inicialmente, só vía telemática as convocatorias para comedores e solicitudes de axudas para material escolar, unha situación que se corrixiu logo das correspondentes protestas.

Puntos de acceso á información para realizar os trámites

Deste xeito, a administración local debe dispor de puntos de acceso á información, con persoal especializado, para axudar a realizar estes trámites de xeito presencial e telemático, cando menos durante os primeiros anos de transición cara a este modelo, co fin de garantir que a cidadanía poida adaptarse e continuar a desenvolver os trámites recollidos na carta de servizos municipais.

Cómpre lembrar que, na actualidade, só teñen obriga de comunicarse electronicamente coas administracións as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e quen exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigada, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio desta actividade profesional.

O  BNG reclama que se reforcen os puntos de acceso para a favorecer a transición cara á administración electrónica