AMBIENTE
O BNG demanda que se investiguen e retiren as verteduras de refugallos na vía circular de Conxo
“Pedímoslle ao Goberno local que vele polo coidado ambiental destes espazos”, expón Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2022.- O BNG de Santiago de Compostela reclámalle ao Goberno local que investigue e retire os refugallos depositados na vía circular de Conxo.
En concreto, existen diversos puntos de verteduras incontroladas, que se localizan na contorna da entrada do túnel do tren. “De feito, segundo constataron as persoas que realizan con frecuencia este roteiro, dunha semana para outra duplicáronse os puntos de refugallo e o volume acumulado de residuos”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Non é unha actuación illada, é un espazo que pola desidia municipal pode acabar por interpretarse como o lugar onde se poden deixar estas verteduras porque aparecen cada día novos depósitos de lixo, advertiu.
“Desde o BNG, pedímoslle ao Goberno local que vele polo coidado ambiental destes espazos e abra unha investigación para frear este depósito incontrolado de residuos e co obxectivo de evitar que estes espazos acaben funcionando como vertedoiros sobre os que non existe ningunha actuación municipal”, sinalou Goretti Sanmartín.