ELECCIÓNS
O BNG fai un roteiro para lembrar a celebración do Banquete de Conxo que deu pé á xeración do Rexurdimento
A iniciativa do BNG para recuperar este espazo tan concorrido fora aprobada en Pleno en 2014 e incluída na negociación de Orzamentos de 2016
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2019.- A candidata do BNG, Goretti Sanmartín, xunto co primeiro tramo da lista e un grupo de militantes e simpatizantes, realizaron esta mañá un percorrido polo roteiro do Banquete de Conxo para conmemorar aquel 2 de marzo de 1856 cando se realizou un brinde pola liberdade e a fraternidade entre estudantes e obreiros. De aquí xurdiu a xeración impulsora do Rexurdimento da cultura galega.
Con esta acción, ademais de conmemorar esta efeméride, quere recordar que a iniciativa de recuperar este espazo foi aprobada en Pleno de 2014, impulsada polo BNG, e incluída na negociación de Orzamentos de 2016, co obxectivo de restaurar este emprazamento e de recuperar a súa significación histórica.
De acordo coa proposta do BNG procedeuse á recuperación da carballeira, á reposición do belvedere alí existente e á canalización dun colector para mellorar a calidade da auga do río, ademais do seu acondicionamento para facer deste lugar emblemático un espazo atractivo con sinalización para a súa visita e paneis explicativos para lembrar a historia do lugar.
No acto de 2 de marzo de 1856 fraguouse un movemento político e cultural en que participaron Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane e mesmo se di que Rosalía de Castro, ademais de estudantes e obreiros con tendencias democráticas e de compromiso co país.
O BNG estudará a posibilidade de ampliar o enlace deste roteiro con outros tramos, á vista da boa acollida que tivo a recuperación deste carreiro e da demanda de máis espazos acondicionados para o paseo por parte da veciñanza de Compostela.