PLENO

O BNG favorece a declaración de interese do Centro de Protonterapia mais cuestiona as xestións do alcalde PSOE e da Xunta do PP pola supresión de prazas de aparcamento

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Goretti Sanmartín destaca a falta do plan de mobilidade, número de prazas de aparcadoiro e medidas de accesibilidade que este proxecto non cumpre

O BNG favorece a declaración de interese do Centro de Protonterapia mais cuestiona as xestións do alcalde PSOE e da Xunta do PP pola supresión de prazas de aparcamento

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023.- O BNG vota a favor da declaración de especial interese e utilidade municipal do proxecto de Centro de Protonterapia de Galiza en Santiago de Compostela, como expresión da vontade favorecer avances en investigación, en diagnósticos e en tratamentos, mais advirte de que “todo o que rodea as parcelas que dan orixe ao Complexo Hospitalario da Universidade de Santiago é un auténtico despropósito desde a perspectiva urbanística e de planeamento”.

Ademais, Goretti Sanmartín sinalou na súa intervención que o soporte legal para a declaración de especial interese e utilidade terá que ser o informe de ponderación de que é único responsábel o alcalde.

Así, explicou coa copla tradicional “Non chas quero, non chas quero, nabizas do teu nabale, non chas quero que me poden facer male”, a escenificación do alcalde coa Xunta “nunha confrontación que é pura e simplemente unha mostra de electoralismo a menos de tres meses das municipais”, cando o importante é a falta do plan de mobilidade, número de prazas de aparcadoiro que corresponden e medidas de accesibilidade que este proxecto non cumpre.

Este centro de protonterapia será unha intervención, despois da proposta de ampliación do Hospital, nun terreo que ten esgotada a edificabilidade e que non cumpre as normas do PXOM nin a Lei do Solo de Galiza, “non só no referido a prazas de aparcamento que debería levar aparelladas, senón tamén en accesibilidade e calidade do espazo público”.

“Como chove sobre mollado, despois dunha relación de submisión total aos ditados da Xunta deste goberno socialista ao longo deste mandato, o alcalde decidiu a última hora entrar en confrontación coa Xunta a raíz de coñecer como finalmente desaparecerán unhas 300 prazas de aparcamento”, engadiu. Porque o alcalde debía ter esixido que se cumprise con Santiago moito antes. Mais daquela decidiu calar, e agora, a tres meses das eleccións, agárrase á parcela á beira do CIMUS para ter algo que ofrecer despois da súa inoperancia.

Destacou tamén que a Xunta de Galiza favorece as ampliacións de hospitais cos correspondentes aparcamentos na Coruña e Pontevedra, “mentres lle dá as costas á capital do país; nisto, e en tantas outras cousas”.

Ademais, sinalou que cómpre reforzar o sistema de transporte colectivo ao CHUS mais hai que ter en conta que atende unha extensa área sanitaria, de 379.717 persoas con tarxeta sanitaria adscritas a este centro, e de veciñanza que non só provén en gran parte de concellos de arredor, senón tamén do rural de Compostela con dificultades de acceso ao Complexo, para alén da problemática específica relacionada con persoas doentes con problemas de mobilidade.

“O caos do CHUS non se soluciona nin cun aparcadoiro en altura nin coas 400 prazas á beira do CIMUS, é unha cuestión moito máis profunda que precisa unha reflexión seria e colectiva e unha visión a medio e longo prazo, non propaganda para os 80 días que fican até as eleccións”, advertiu.

O conxunto da poboación afectada está farta do caos de tráfico hospitalario “mais tamén da nefasta xestión do PSOE e da discriminatoria e vergoñenta actuación da Xunta con Santiago, pois o deputado do PP Borja Vera votou en contra dunha emenda do BNG reclamando 2,2 millóns de euros dos orzamentos da Xunta de 2023 para ampliar o servizo de aparcadoiro do CHUS”.

Subvencións nominativas

No punto sobre as subvencións nominativas, o BNG abstívose para favorecer que as entidades reciban as cantidades comprometidas mais tamén porque van na liña de converter o excepcional en norma, na concesión de 1.565.908 euros sen concorrencia.

Ademais, lembrou que o PSOE votou a favor dunha iniciativa do BNG en xullo de 2016 para crear un plan estratéxico de subvencións, fronte ao que practica agora de incrementar as subvencións nominativas e sen concorrencia e en 2021 aprobouse, neste caso coa abstención do PSOE a realización dun plan que non fai efectivo.

 

O BNG favorece a declaración de interese do Centro de Protonterapia mais cuestiona as xestións do alcalde PSOE e da Xunta do PP pola supresión de prazas de aparcamento