PARLAMENTO EUROPEO

Goretti Sanmartín e Ana Miranda anuncian a creación dunha oficina municipal de captación de fondos europeos a partir do 28M

Goretti Sanmartín, Ana Miranda, Pilar Lueiro, Marisa Gil e Concha de la Fuente
Goretti Sanmartín, Ana Miranda, Pilar Lueiro, Marisa Gil e Concha de la Fuente

“Santiago ten que ser referente en Europa, ten que ser vangarda e non pode perder o pulso como acontece nestes momentos”, sinala

Goretti Sanmartín e Ana Miranda anuncian a creación dunha oficina municipal de captación de fondos europeos a partir do 28M

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2023.-  A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín e a eurodeputada Ana Miranda mantiveron un encontro para coñecer as liñas de axudas europeas e as vías de colaboración municipal a través da UE. En declaracións aos medios de comunicación, anunciaron a proposta de creación dunha oficina municipal de captación de fondos europeos para impulsar proxectos relevantes de ámbito cultural, ambiental, de transportes, de saneamento e de accesibilidade da cidade.

“Con esta oficina pretendemos que o Concello teña maior empuxe con estes recursos e que dea servizo tamén a particulares, empresas e asociacións que queiran acollerse a liñas de axudas europeas para a rexeneración de espazos urbanos, para a transición enerxética, para a renovación das tubaxes de saneamento, para potenciar o emprego feminino e diminuír a fenda salarial, para a creatividade artística e a recuperación do patrimonio cultural”, explicou Goretti Sanmartín.

No encontro, en que tamén participaron Pilar Lueiro, Marisa Gil e Concha de la Fuente, que fan parte da listaxe do BNG ás eleccións municipais, analizaron as liñas de colaboración “porque Santiago ten que ser referente en Europa, ten que ser vangarda e non pode perder o pulso como acontece nestes momentos”, explicou.

Goretti Sanmartín destacou o labor de Ana Miranda como eurodeputada que defende os intereses de Galiza no Parlamento europeo e trasladoulle a solidariedade da Corporación municipal que mostrou o seu apoio maioritario nunha moción conxunta logo de ser expulsada por Israel dunha delegación oficial. Tamén destacou as súas xestións en relación ás vítimas do accidente do Alvia e á seguranza ferroviaria.

Goretti Sanmartín, vindeira alcaldesa nun lugar preferencial europeo

Pola súa parte, Ana Miranda manifestou que agarda que Goretti Sanmartín sexa “a vindeira alcaldesa de Santiago nun lugar preferencial europeo, que non está nestes momentos, porque cremos que se perderon moitas oportunidades”, que a cualificou de feminista e moi implicada coas asociacións e colectivos da cidade.

Ana Miranda explicou que na reunión analizaron os diferentes programas e fondos europeos aos que Santiago podería conseguir “pero aos que non accede porque non se están pedindo”.  Neste sentido mencionou programas da Axencia Urbana Europea, do fondos FEDER, a maiores dos fondos de recuperación europea. “Hai moitas oportunidades para pedir pero hai que ter un equipo técnico especializado en fondos europeos, que é o que propón a futura alcaldesa”, manifestou.

“Estamos fóra de todas as redes de transición xusta, de sustentabilidade, de igualdade, e temos figuras literarias internacionais que poderían dar lugar a un programa de fondos europeos relacionados coa figura de Rosalía de Castro”, explicou a eurodeputada nacionalista.

 

 

Goretti Sanmartín e Ana Miranda anuncian a creación dunha oficina municipal de captación de fondos europeos a partir do 28M