VECIÑANZA

O BNG reúnese co Espazo veciñal de Sar e con Conxo Aberto para reclamar melloras no trazado do Eixo de mobilidade sustentábel

A candidatura do BNG e a eurodeputada Ana Miranda visitan Conxo
A candidatura do BNG e a eurodeputada Ana Miranda visitan Conxo

A eurodeputada Ana Miranda interésase polas alegacións presentadas ao proxecto da Xunta para conseguir unha vía ciclista e peonil entre o Milladoiro e Santiago

O BNG reúnese co Espazo veciñal de Sar e con Conxo Aberto para reclamar melloras no trazado do Eixo de mobilidade sustentábel

Integrantes da candidatura do BNG, con Goretti Sanmartín e Ana Miranda, aproveitaron para visitar o barrio de Conxo

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2023.- O BNG de Santiago, xunto coa eurodeputada Ana Miranda, mantivo unha xuntanza coas asociacións Espazo  veciñal de Sar e Conxo Aberto, e comprometeuse a trasladar unha iniciativa á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo pola falta de transparencia no proxecto da senda entre Santiago e O Milladoiro. Ademais, lembraron que o BNG xa presentou unha iniciativa no Parlamento galego e alegacións a este proxecto da Xunta.

O obxectivo da xuntanza promovida por Conxo Aberto era explorar as posibilidades de trasladar ao Parlamento europeo as queixas e alegacións presentadas ao proxecto de trazado do Eixo de mobilidade sustentábel entre O Milladoiro e Santiago. Este proxecto da Dirección Xeral de Mobilidade está financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia e os fondos Next Generation.

Na reunión expuxéronse as liñas recollidas nas alegacións presentadas polo BNG e as dúas asociacións ao proxecto pola escasa aposta por articular unha trama urbana ciclábel, segura, cómoda, directa e próxima para a xeración de fluxos de mobilidade entre O Milladoiro e Santiago. Así, incidiron en que este proxecto debe servir para fomentar o uso peonil e da bicicleta.

Tanto Espazo veciñal de Sar como Conxo Aberto coinciden coa necesidade e utilidade de articular eixos de mobilidade e non cuestionan os obxectivos, ademais de consideraren que non hai coordinación entre as administracións, moitas incoherencias no proxecto que nalgún tramo mesmo duplicaría a senda xa existente que permite ser compartida por peóns e bicicletas.

Por parte de Conxo Aberto consideran que o barrio xa está dividido por diversas infraestruturas como vías de ferrocarril, viais de alta capacidade,  túneles e rotondas. Con ese trazado proposto pola Xunta invádese o cemiterio do psiquiátrico recuperado pola asociación “Itinera” en colaboración con internos/as. Ademais, o proxecto vai supoñer unha agresión ao espazo natural tanto polos metros de anchura do vial proposto ás beiras do río, a iluminación prevista nunha zona de bosque, os cambios no terreo que poden afectar a escorrentía natural das augas da choiva.

Entenden tamén que o eixo de mobilidade colide con outros proxectos de rexeneración da contorna do Sar e o Banquete de Conxo, como o proxecto do Consorcio, o Plan especial de recuperación do contorna do Sar e para recuperar os xardíns históricos ou o proxecto de ecobosque presentado fai escasas semanas e dotado con 890.000€ para recuperar o entorno do rio con plantacións de especies autóctonas e eliminación de especies foráneas invasoras.

Por parte do Espazo Veciñal de Sar apuntaron que o proxecto supón un atentado ambiental e patrimonial en canto afecta a tramos inundábeis das Brañas do Sar e á contorna e mesmo ao muro da Colexiata de Sar sen estimar outras propostas máis acaídas, directas e a todas luces máis lóxicas e viábeis sen necesidade de expropiacións, sendo máis respectuosos co medio aproveitando pistas existentes paralelas ao trazado da vía do ferrocarril até as piscinas de Sar.

Ademais, presentaron a posibilidade de trasladar unha queixa conxunta das dúas asociacións á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a través de Ana Miranda, onde é vicepresidenta, por falta de consideración á poboación afectada por non ser consultada previamente e pola falta de información e transparencia até que o proxecto pasou a exposición pública.

 

 

O BNG reúnese co Espazo veciñal de Sar e con Conxo Aberto para reclamar melloras no trazado do Eixo de mobilidade sustentábel