MOBILIDADE

O BNG presenta alegacións ao proxecto do Eixo de Mobilidade Sostíbel para facer un trazado máis curto para peóns e ciclistas

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín advirte de que a proposta da Xunta fai dar un importante rodeo por zonas de gran pendente, sen iluminación e con flora protexida

O BNG presenta alegacións ao proxecto do Eixo de Mobilidade Sostíbel para facer un trazado máis curto para peóns e ciclistas

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023.- O BNG presentou alegacións ao proxecto da Xunta para crear o Eixo de Mobilidade Sostíbel, cunha plataforma pola que poidan circular peóns e ciclistas do Milladoiro a Compostela. Cómpre corrixir o itinerario para evitar dar un rodeo pola periferia para chegar ao centro, incluír a perspectiva de xénero, medidas de seguranza e de protección ambiental.

“A Xunta opta por afastar peóns e ciclistas do percorrido máis curto pola suposta contaminación a outro moito máis bucólico e longo por unha contorna pensada máis para o lecer e para pasear que para unha mobilidade diaria que articule as necesidades de desprazarse a realizar xestións ou a traballar”, explicou Goretti Sanmartín. “Non se prevé como prioridade que o percorrido en bicicleta sexa o máis curto e con menos desnivel, cuestións fundamentais cando temos como obxectivo modificar a conduta e os hábitos a hora de facer desprazamentos diarios”, engadiu.

Segundo o contido nestas alegacións, o trazado proposto pola Xunta desbota o itinerario máis curto entre o Milladoiro e o centro de Compostela optando por conectar coa estación intermodal, por un percorrido sensibelmente paralelo á AP-9 e á liña do ferrocarril para acceder a Compostela pola vertente sur invadindo a contorna do Sar, desde o Banquete de Conxo até as Brañas do Sar, afastando o eixo de mobilidade das zonas urbanas e dos asentamentos poboacionais.

O trazado que propón a Xunta impide que o itinerario previsto resulte accesíbel e atractivo para o maior volume de poboación posíbel, posto que obriga a dar grandes rodeos para achegar a persoas usuarias da bicicleta desde os centros de maior actividade e poboación intermedia como A Rocha, Poza Real, Santa Marta, CHUS, Campus sur, Ensanche, Casco histórico, Galeras e Campus norte, que son todos eles polos de atracción e lugares de xeración de desprazamentos.

Así, resulta incoherente que no proxecto se especifique que se prioriza a seguranza viaria de peóns e ciclistas coidando especialmente a sinalización e dando un tratamento específico ao pavimento na segregación da senda con respecto ao tráfico de vehículos a motor, cando en realidade se evita a confluencia relegando a peóns e ciclistas a dar grandes rodeos por zonas periurbanas.

“Outra das cuestións importantes a ter en conta é a da perspectiva de xénero polo que as sendas deben dotarse de iluminación adecuada en todo o percorrido, sobre todo naquelas que poidan dar unha sensación de inseguridade por falta de visibilidade”, indicou. Neste caso os tramos do percorrido que pasan por zonas periurbanas, tramos da vía do tren e zonas do Sar esixirían a colocación de videocámaras en boa parte do percorrido, aspecto que tampouco vai ser a solución idónea para este problema.

No plano ambiental, na área deste proxecto está ben constatada a presenza, cando menos, de dúas especies protexidas polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas: Dryopteris guanchica e Narcissus cyclamineus. Para iso, é necesaria a realización dun estudo de detalle sobre a situación exacta destas especies protexidas en todo o trazado. Así mesmo, é necesario o estudo da presenza na área da especie protexida Selinum broteri, que está presente en hábitats de ribeira en áreas moi próximas ao trazado do proxecto.

 

 

 

O BNG presenta alegacións ao proxecto do Eixo de Mobilidade Sostíbel para facer un trazado máis curto para peóns e ciclistas