PLENO
O Pleno aproba enviar á Fiscalía a documentación vinculada a Desproi para esclarecer responsabilidades xudiciais nese contrato irregular
O BNG trasladou unha moción ao Pleno que foi aprobada cos votos de BNG, CA, PP e do concelleiro non adscrito
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023.- O BNG presentou unha moción para trasladar á Fiscalía, no prazo dun mes, o expediente de contratación irregular e toda a documentación relacionada coa empresa Desproi que abriu unha crise de Goberno local coa dimisión dun concelleiro do grupo socialista, co obxectivo de esclarecer o acontecido e de que se adopten as responsabilidades xudiciais que correspondan se as houber. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA, PP e do concelleiro non adscrito; o PSOE abstívose. Ao remate da votación, o alcalde anunciou que encargará un informe para ver se é vinculante o acordo plenario, unha mala forma de acatar a democracia.
Esta será a única maneira de garantir que o exame desta documentación constate que se deriven ou non as responsabilidades pertinentes a nivel xudicial, sen que iso signifique a falta de necesidade de que se adopten as medidas precisas respecto das responsabilidades políticas que puidese haber.
O goberno local debe dar explicacións sobre se unha empresa pode desenvolver a súa actividade sen licenza de actividade e se é lícito que se conceda por silencio administrativo e se Desproi conta con informe de prevención de riscos para desenvolver a actividade que lle encomendou o Goberno local do PSOE no Polígono de Costa Vella.
Aínda se descoñecen os motivos de por que non se lle pediu a Desproi a documentación de estar ao corrente coas administracións públicas, como se lles esixe a empresas e particulares para obter axudas ou contratar co Concello. Tampouco hai información sobre o feito de desbotar trasladar os servizos de Medio Rural e de Parques e Xardíns a instalacións públicas municipais cando escolleron esa empresa, tendo en conta que esa posibilidade era factíbel e supuña un aforro económico para as arcas municipais.