PLENO

Aprobada a iniciativa do BNG para realizar de urxencia as obras para dotar de abastecemento de auga do núcleo da Veiga, no Eixo

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Unanimidade para coordinar a obras do complexo deportivo Santa Isabel e buscar espazos alternativos para clubs e usuarios/as durante a súa execución

Aprobada a iniciativa do BNG para realizar de urxencia as obras para dotar de abastecemento de auga do núcleo da Veiga, no Eixo

Unanimidade tamén na moción para adoptar medidas para loitar contra a pobreza feminina, reducir a precariedade laboral e fomentar a conciliación

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023.- O BNG trasladou ao Pleno dúas proposicións para a conexión á rede de abastecemento municipal de auga o núcleo da Veiga, na parroquia do Eixo, que queda sen subministración e sen garantías de potabilidade de auga especialmente cando secan os pozos; e outra para coordinar as obras que se van realizar no complexo deportivo Santa Isabel, co fin de procurar equipamentos alternativos para proseguir a actividade no período de duración da reforma prevista.

Na proposición do Eixo, explícase que, ademais das vivendas, están afectados negocios alí instalados, o que repercute en problemas para a economía local, recolle o texto da iniciativa. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA, PP e concelleiro N/A; o PSOE abstívose.

Planificación das obras das instalacións deportivas cos clubs

En canto á proposición das instalacións deportivas, é fundamental buscar o máis axiña posíbel espazos alternativos e ampliación de horarios noutras piscinas e equipamentos en colaboración coa USC, entidades privadas e outros concellos da contorna, que lles dean servizo aos clubs e ás persoas usuarias co obxectivo de que non interrompan a súa actividade cotiá no período que duren as obras da reforma prevista. Na piscina do complexo deportivo Santa Isabel adestran na actualidade clubs de wáter-polo, natación e dous de tríatlon, ademais doutras especialidades. Estiman positivo prever as datas de peche da piscina durante os meses do verán e os desprazamentos de deportistas a outras instalacións da zona. Esta intervención vai ser positiva para os clubs deportivos que adestran nestas instalacións e tamén para as persoas usuarias que practican natación e outros deportes mais hai que facelo con diálogo e consenso previo cos clubs. Por outra parte, o Concello de Santiago, co apoio técnico que se precise debe estudar se é factíbel compatibilizar algunha das fases da obra con algunha das actividades que se realizan na actualidade. Esta proposición do BNG aprobouse por unanimidade de todos os grupos da Corporación municipal.

Moción do 8M

Na sesión da mañá deste Pleno de febreiro, aprobouse tamén por unanimidade a moción do BNG vinculada ao 8M, Día internacional das mulleres, para adoptar medidas para loitar contra a pobreza feminina, reducir a precariedade laboral e fomentar a conciliación, cun control das empresas concesionarias de servizos municipais para que cumpran os pregos e os contratos en materia de conciliación e, ademais, fomentar a participación social coa recuperación do Consello municipal das mulleres.

Aprobada a iniciativa do BNG para realizar de urxencia as obras para dotar de abastecemento de auga do núcleo da Veiga, no Eixo