OBRAS

Goretti Sanmartín comprométese a atender as demandas veciñais para realizar as obras de mellora da calidade urbana nos Pexigos

Visita aos Pexigos
Visita aos Pexigos

Mantivo un encontro coa veciñanza afectada pola falta de mantemento e abandono dos servizos básicos municipais nos últimos anos

 

Goretti Sanmartín comprométese a atender as demandas veciñais para realizar as obras de mellora da calidade urbana nos Pexigos

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2023.- O BNG mantivo un encontro con veciñanza da zona do Pexigo de Arriba, Pexigo de Abaixo e Entrepexigos, que van crear unha asociación, para coñecer as súas demandas no relativo á mellora urbana e servizos básicos municipais. Goretti Sanmartín comprometeuse a atender as súas demandas para realizar as obras de mellora da calidade urbana nos Pexigos.

Ademais de Goretti Sanmartín, na visita participaron Xesús Domínguez e Pilar Lueiro, da candidatura do BNG para as próximas eleccións municipais, quen puideron coñecer o abandono deste espazo que precisa un proxecto de reurbanización integral para renovar a pavimentación e a canalización dos servizos de abastecemento de auga e de telefonía, que cobren as fachadas de cables, a renovación das luminarias e a dotación dun maior número de colectores de lixo, ademais dun cambio da localización dos existentes que ocupan as beirarrúas e impiden o paso das persoas que van a pé.

Precisan tamén unha reordenación e pacificación do tráfico, pois existe un problema de seguranza viaria e de falta de sinalización para os vehículos deste rueiro. De feito, os canlóns de baixantes de augas pluviais dos edificios están esmagados polo tránsito de camións que tocan coas esquinas.

Tamén neste barrio padecen constantes roturas de tubaxes de abastecemento de auga, polo que a empresa instalou placas metálicas nalgunhas zonas para abrir e parchear en vez de aproveitar para facer a substitución por outras canalización modernas máis resistentes e que non leven fibrocemento, co fin de deixar a zona arranxada e cunha estética adecuada.

Queda pendente de conectar á subministración de auga a fonte situada na praza Marcial Villamor, a eliminación dos colectores soterrados que non funcionan desde hai anos, así como a asignación das prazas municipais de garaxe da rúa do Olvido.

A iso súmaselle a necesidade dun cambio das luminarias, xa que as actuais están mal orientadas e ofrecen sensación de inseguranza para as persoas que transitan pola rúa.

 

 

Goretti Sanmartín comprométese a atender as demandas veciñais para realizar as obras de mellora da calidade urbana nos Pexigos