DANZA
O BNG congratúlase de que o PP aposte agora pola construción do Conservatorio de Danza en Santiago

“É a mostra da dobre moral do PP nas vésperas das eleccións, mais oxalá sexa real ese anuncio logo de votar reiteradamente en contra desta iniciativa do BNG”, sinala Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2023.- O BNG congratúlase de que o grupo parlamentar do PP acolla agora a proposta da Plataforma pola creación dun conservatorio profesional de danza en Santiago de Compostela, dous anos despois de que Goretti Sanmartín defendese esta iniciativa no Concello de Santiago.
“É a mostra da dobre moral do PP nas vésperas das eleccións, mais oxalá sexa real ese anuncio de que están a favor e estas instalacións sexan unha realidade e cumpran o compromiso de reclamarlle o Conservatorio de Danza á Xunta”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG en Santiago. Neste sentido, reclamou que o compromiso se faga por escrito, con orzamento e prazos de execución.
Cómpre lembrar que o PP votou en contra da emenda do BNG para incluír a construción do Conservatorio de Danza nos Orzamentos da Xunta para 2023, tamén vetou unha iniciativa presentada pola deputada Mercedes Queixas en 2020 e se abstivo cando se presentou a proposición do BNG no Concello de Santiago.
Esta semana o grupo parlamentar do PP, segundo fixo público a plataforma, coincidíu na importancia da creación dun Conservatorio de Danza e da oportunidade que se presenta en Compostela, logo de que o Concello se comprometese na cesión dos terreos á Xunta para realizar estas instalacións. Esta iniciativa conta cun grande apoio social, con 5.000 sinaturas recollidas, e tamén da Federación de ANPA -que agrupa máis de 60 asociacións de Galiza- e da totalidade de sindicatos de ensino que compoñen as distintas mesas de educación.