O BNG inclúe no programa dar pasos firmes cara á xestión 100% pública dos servizos municipais"
O candidato Rubén Cela inicia a presentación das propostas para gobernar cun modelo de cidade transformador
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2015.- O BNG de Santiago iniciou a rolda de presentacións do programa electoral, que segue a integrar ideas nun proceso de elaboración participativo, co apartado da mellora da xestión dos servizos municipais e con propostas para o novo modelo de cidade que inclúen avanzar na remunicipalización e no maior control das empresas concesionarias.
Que a primavera chegue a Santiago despois de catro anos de inverno, depende de nós, explicou Rubén Cela ao inicio da rolda de prensa, onde estivo acompañado de Salvador Martí, candidato e hostaleiro no Ensanche. A experiencia ten demostrado que os servizos externalizados nin son máis baratos, nin máis eficientes, nin máis eficaces, nin garanten mellores condicións laborais que se fosen ofertados directamente dende o Concello, afirmou o candidato nacionalista á Alcaldía. É máis, con carácter xeral, nestas externalizacións é onde se detectaron máis irregularidades derivadas do incumprimento de contratos e da colocación de persoas a dedo, engadiu.
Nese sentido, sendo conscientes de que non todos os servizos externalizados son iguais, dende o BNG propomos dúas actuacións para desenvolver dende o primeiro día do novo mandato municipal, que pasan pola creación dunha inspección de servizos con dotación de medios e persoal, para velar polo cumprimento dos pregos de concesións, e por realizar un estudo de remunicipalización dos servizos privatizados. Así, afirmou que o BNG é consciente das limitacións existentes coa actual normativa legal en determinados ámbitos pola taxa de reposición de efectivos, por iso avoga por estudar de xeito individualizado cada servizo e dar pasos firmes cara á xestión 100% pública.
O BNG traballará tamén por unha administración máis áxil e transparente, coa implementación de medidas tecnolóxicas para mellorar os tempos de resposta e reducir os prazos na concesión de licenzas; ademais de publicar no perfil do contratante os negociados sen publicidade, así como a listaxe de contratos menores; e a transmisión en streaming dos plenos, a publicación de actas e cuestións recibidas na Comisión de Queixas e Suxestións de xeito que se salvagarde a privacidade da cidadanía.
En canto á incrementar a participación, resulta imprescindíbel achegar a institución á veciñanza con mecanismos de debate e toma de decisións. Así, reactivaranse os Consellos de Participación Cidadá (Relacións Veciñais, Educación, Medio Ambiente, Servizos Sociais... ) impulsados polo BNG e actualmente paralizados. O BNG aposta tamén por elaborar Orzamentos Participativos mediante un procedemento que garanta que o asociacionismo poida dialogar, opinar e condicionar as prioridades do Concello en materia de investimentos. Ademais, defende facilitar a participación directa dos colectivos nos plenos, así como a súa asistencia, mesmo coa convocatoria en espazos abertos fóra do pazo de Raxoi, se for necesario.