Os “Cafés para 5” do BNG ofrecen contraste de ideas coa veciñanza para transformar a cidade

Os “Cafés para 5” do BNG ofrecen contraste de ideas coa veciñanza para transformar a cidade

O candidato Rubén Cela presentou o método co que achegarán as propostas aos barrios, que entronca con activar a participación cidadá na actividade municipal

cafepara5

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2015.- Os “Cafés para 5” serán o método de achegar e contrastar propostas do BNG-Asembleas Abertas nesta campaña electoral, concibidos para falar “co máximo número de veciños e de veciñas directamente”, cunha mensaxe centrada nas ideas e nas persoas “porque consideramos que o mellor xeito para dar a coñecer o programa é no ti a ti”, explicou o candidato Rubén Cela.

“O BNG vai facer unha campaña austera en termos económicos, sen grandes locais electorais no centro de Santiago, nin grandes campañas publicitarias e mesmo coa renuncia ao mailing de envío de papeletas a domicilios; mais será moi intensa no contacto directo coa veciñanza”, sinalou.

Nese sentido, o BNG leva xa semanas coa organización de asembleas abertas con veciños e veciñas de Santiago, “por todos os barrios e parroquias da cidade, complementadas con reunións con colectivos veciñais, sociais, deportivos e culturais”.

Ademais, estes “Cafés para 5” serven para que calquera veciño ou veciña de Santiago que teña interese “en coñecer a candidatura do BNG, en expor calquera tema ou en contrastar ideas para transformar a cidade poida reunirse con nós”. As persoas que queiran participar nun “Café para 5” poden escribir un correo a [email protected] para concertar a xuntanza e intercambiar ideas sobre a cidade, coa posibilidade de coñecer en persoa membros da candidatura.

Isto entronca co ideario do que defende o BNG sobre a participación cidadá no Concello, “un dos elementos fundamentais para nós”, explicou o candidato nacionalista, “porque queremos que a veciñanza conte e sexa partícipe na toma de decisións municipais”. Así, explicou que aposta por facilitar a intervención dos colectivos nos Plenos, pola reactivación dos Consellos de Participación Cidadá que impulsou o BNG cando estivo no Goberno local e o PP deixou paralizados; e por abrir á cidadanía as sesións plenarias, coa retransmisión por internet e coa convocatoria en espazos amplos para facilitar a asistencia.

Os “Cafés para 5” do BNG ofrecen contraste de ideas coa veciñanza para transformar a cidade