FESTAS
O BNG incluirá na programación das festas un horario sen música alta adaptado para nenos e nenas con autismo
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2023.- O BNG, neste Día mundial do autismo, lémbralle ao alcalde a necesidade de levar á práctica as medidas para favorecer a integración de nenos e nenas nos espazos de socialización, como a proposta de ter un horario sen música para que poidan gozar das festas da Ascensión e do Apóstolo. O PSOE non incorporou no prego de licitación das atraccións deste ano esta iniciativa que tivera tan boa acollida en edicións anteriores e que, ademais, serve para sensibilizar e visibilizar os dereitos das persoas con autismo, síndrome de Asperger e síndrome de Down.
Trátase de que as instalacións e postos de feira non utilicen música nin megafonía, nunha faixa horaria, para facilitar a participación de nenos e nenas con diversidade funcional e distintas capacidades que teñen alta sensibilidade ao balbordo.
A aplicación desta medida, de acordo coas empresas concesionadas das atraccións, pode realizarse nun horario ou en sesións específicas no calendario de festas de Santiago de Compostela. Isto compleméntase en que nese tempo non se utilicen foguetes para que poidan gozar das festas con tranquilidade e sen medo.
As atraccións de feira adoitan dispoñer de música e de megafonía como reclamo para captar a atención de visitantes que, normalmente, están a un volume elevado, o que ocasiona un balbordo que a algunha xente e, en especial para as persoas con distintas capacidades, lles impide gozar e participar da festa.
Esta medida do BNG foi aplaudida por colectivos sociais de Compostela que ven con acerto que se facilite a participación de nenos e nenas con doenzas como autismo, síndrome de Asperger, síndrome de Down e outras capacidades físicas e mentais, ao tempo que poidan asistir con nenos e nenas que tamén teñan interese para favorecer a súa inclusión social.
Día dos nenos e das nenas
Ademais, o BNG comprométese despois do 28M a incorporar nas festas o “Día dos nenos e das nenas” con tarifas reducidas nas atraccións para que as familias con menos recursos tamén poidan participar. Nos pregos desta edición tampouco vai esta medida, cando hai unha situación de crise derivada da alza dos prezos que afecta, de maneira especial, ás economías domésticas e aos gastos en lecer.