CRISE DE GOBERNO DO PSOE

O BNG indica que o Goberno local do PSOE debe trasladar o expediente Pichel á Fiscalía “para recuperar a credibilidade”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Se a empresa tiña débedas anteriores co Concello, esa contratación é de “extrema gravidade”, advirte Goretti Sanmartín

O BNG indica que o Goberno local do PSOE debe trasladar o expediente Pichel á Fiscalía “para recuperar a credibilidade”

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2023.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, despois da información aparecida na prensa con novos datos da contratación irregular do caso Pichel “que xera unha grande alarma pública”, indicou que “realmente, todo apunta a que desde o Goberno local do PSOE non só se alugou a dedo unha nave vinculada a un concelleiro senón que a empresa tiña débedas co Concello o que, en condicións normais, imposibilitaría ese contrato”.

Por tanto, diante desta situación o BNG esíxelle ao Goberno que aclare “de forma taxativa” se esas débedas eran anteriores ou posteriores ao contrato, “pois parece que eran anteriores, o que faría absolutamente imposíbel que ese contrato se producise e se nese caso concorría algunha das excepcións que marca a Lei de Contratos”, porque de non se daren esas excepcións é un feito que cualificou de “extrema gravidade”.

De non haber nada que ocultar, “entendemos que o primeiro que deberan facer desde o Goberno local é achegar toda a documentación á Fiscalía e deixar que se investigue todo o acontecido arredor do contrato desa nave”. “Entendemos que esa é a maneira de transparentar o acontecido para recuperar a credibilidade na institución, na política, e por responsabilidade co conxunto da veciñanza de Santiago e por honestidade o normal é que se coñeza e se faga transparente todo o relacionado con este expediente”, advertiu.

 

O BNG indica que o Goberno local do PSOE debe trasladar o expediente Pichel á Fiscalía “para recuperar a credibilidade”