PLENO
O BNG reclama que se paralicen os pagamentos pendentes a Desproi polo aluguer irregular da nave do concelleiro que dimitiu
Goretti Sanmartín pide transparencia por responsabilidade, porque esta é unha mala práctica do goberno local “coa que perde a institución, a credibilidade na política e a veciñanza”
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno unha interpelación sobre a crise do goberno local derivada dunha contratación irregular que provocou a dimisión do concelleiro de Medio Rural. Na súa intervención, Goretti Sanmartín, reclamou que se paralice o pagamento de 49.852 euros que a Xunta de Goberno extraordinaria do 30 de decembro decidiu autorizar en beneficio de Desproi, nun acto que pode considerarse nulo de pleno dereito.
“Equivócanse se pensan que nos alegramos do acontecido, esta é unha mala práctica do goberno local que enloda toda a vida municipal e desacredita o labor político, que fai dano a todo o mundo”, indicou. Así, reclamoulle ao goberno local que dea todas as explicacións “e se esforce ao máximo en transparentar o acontecido, caia quen caia, porque con episodios coma este perde a institución, a credibilidade na política e a veciñanza toda”. “Pedimos transparencia por responsabilidade, non por intereses partidarios, non se confundan”, indicou. Así, cuestionou que non deron explicacións de se a nave alugada tiña licenza de actividade, porque non consta no expediente.
O control do diñeiro público é unha obriga inescusábel das administracións que deben ser exemplarizantes a respecto da libre concorrencia e no carácter público das contratacións, sen favorecer persoas nin empresas e fuxindo de conceder os chamados contratos a dedo, explicou. Igualmente, o goberno debe ser transparente na contratación administrativa e transmitir información rigorosa para aclarar posíbeis dúbidas ante o conxunto da poboación.
“Estes días o Concello de Santiago é noticia por unha práctica irregular do goberno local, unha práctica que, queiran recoñecelo ou non, está facendo que volvamos a tempos pasados”. Constitúen feitos realmente graves: a contratación a dedo, sen garantir, por tanto a libre concorrencia e a igualdade de oportunidades, por parte da Xunta de Goberno do partido socialista do aluguer dunha nave no parque empresarial da Costa Vella á empresa Desproi participada nunha importante porcentaxe por un dos membros do goberno de Bugallo, que se viu obrigado a dimitir de maneira urxente, non sen antes negar previamente que gardase relación coa empresa. “Falamos dunha contratación que ía ser provisional e pasou sen ningún tipo de xustificación de 4 a 16 meses, e todo sen que o goberno activase o plan para unha solución definitiva que contaba con dotación orzamentaria”, indicou. “Vostedes puideron trasladar provisionalmente estes servizos xunto coa brigada de Obras e Emuvissa, un lugar acaído e con espazo suficiente, pois había dispoñibilidade e espazo mais decidiron renunciar a iso”, advertiu. Sinalou tamén que hai naves baleiras para alugar que reúnan os requisitos no Polígono do Tambre. Tamén cuestionou a falta de petición de orzamento a outras dúas empresas se querían facer un trámite de urxencia.
“Esta crise de goberno, aínda non rematada, pon en evidencia un xeito de proceder que repudiamos na xestión do diñeiro público”, indicou. Este contrato beneficia persoas do ámbito do socialismo e o sindicalismo vinculado ao PSOE. “Non se trata de cuestións menores nin se pode pretender tapar aludindo a outros feitos do pasado entrando nese terríbel ‘e ti máis’ que desacredita a política e a actividade pública”, sinalou, “cantas menos explicacións queiran dar máis abren a fenda entre a poboación compostelá e vostedes e máis credibilidade perden”.
Sen licenza de actividade, nin informe de prevención de riscos
Fixo referencia a que non parece un feito casual a venda de accións a unha empresa de Unións Agrarias por parte do ex concelleiro de Medio Rural, “que non a venda do inmóbel, algo que descoñecemos”. Así, preguntou quen é o propietario do inmóbel, pois é importante sabelo. En todo caso, esta venda acontece xusto cando se produce o aluguer e, moi probabelmente por un erro de cálculo, a data é posterior á propia Xunta de Goberno. Lembrou que o ex concelleiro lle entrega esas accións a persoas e grupos relacionadas co socialismo, coa UGT, e advertiu tamén que quen asina este contrato é o alcalde e o secretario de Organización da UGT. “Pódese alugar algo a persoas que sexan do PSOE ou da UGT mais en condicións de igualdade, garantindo a concorrencia doutras propostas e gañando un concurso público e coa realización de todos os trámites que se lle pidan a todo o mundo”, explicou.
Aludiu tamén a que “o primeiro que debiamos saber é se existe un expediente de contratación e quen fixo o informe previo, porque non foi un arquitecto nin un enxeñeiro industrial; foi un enxeñeiro de camiños, alguén con nome e apelidos”. A iso súmase que non se fixo o informe de prevención. “A nave inspeccionouse o 20 de xaneiro de 2022 e desde aquela está sen informe de prevención de riscos, houbo outras inspeccións posteriores que foron resoltas en días e neste caso non foi así”, alertou. Nese expediente de contratación non consta a licenza de actividade, o mesmo que lle piden a calquera particular.
Deste xeito, reclamou que o goberno local faga públicos todos os informes relativos a este expediente e ofreza todas as explicacións sobre o acontecido e non pretenda novamente cerrar en falso unha crise coa dimisión dun concelleiro que, por suposto, é responsábel desta contratación fraudulenta “mais non é o único responsábel”. “Entenderán que despois de todas as irregularidades que hoxe coñecemos, resulta moi difícil acreditar na palabra do concelleiro e do goberno de que o resto de persoas que conformaban a Xunta de Goberno non eran coñecedoras de nada disto”, sinalou.