PLENO
O BNG consegue aprobar dúas iniciativas coas demandas da veciñanza da Lavacolla, para consensuar o plan especial do Camiño francés e corrixir o desnivel da estrada coas vivendas e negocios
Aprobouse crear unha liña de axudas específicas e propias para o PE-3, complementaria das xa existentes e xestionadas polo IGVS para a rehabilitación e renovación de vivendas e edificios nos ARI dos Camiños de Santiago, para destinalas ás vivendas e aos negocios no ámbito de actuación de Lavacolla
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023.- O grupo municipal do BNG conseguiu aprobar no Pleno dúas iniciativas relativas á Lavacolla, unha para consensuar coa veciñanza o Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3) e outra para modificar o proxecto de acondicionamento da antiga N-634 para corrixir os desniveis existentes entre a estrada e as vivendas e negocios.
Ao abeiro da primeira proposición, interveu no Pleno Tatiana Fraga Neira, en representación da veciñanza afectada por este plan especial na Lavacolla. A iniciativa aprobada recolle a paralización dese procedemento e a apertura dun proceso de diálogo coa veciñanza da Lavacolla para desenvolver un plan consensuado coa poboación residente. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA, PP e do concelleiro non adscrito, mentres que o PSOE se abstivo.
Tamén inclúe a dotación económica, coa captación de fondos doutras administracións, para a mellora do saneamento na parroquia da Lavacolla. Ademais, defende crear unha Oficina de apoio e asesoramento para rehabilitación cunha partida específica no orzamento do Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3) e crear unha liña de axudas específicas e propias, complementaria das xa existentes e xestionadas polo IGVS para a rehabilitación e renovación de vivendas e edificios nos ARI dos Camiños de Santiago, para destinalas ás vivendas e aos negocios no ámbito de actuación de Lavacolla.
A outra iniciativa da Lavacolla que saíu adiante foi para atender as demandas da veciñanza que reclama a modificación do proxecto de acondicionamento da antiga N-634 no núcleo da Lavacolla (Sabugueira) para que o trazado da estrada contribúa a reducir o desnivel actual coas vivendas e negocios. Aprobouse cos votos de BNG, CA, PP e o concelleiro non adscrito; o PSOE abstívose.
O proxecto construtivo denominado “Acondicionamento da antiga N-634 no núcleo da Lavacolla (Sabugueira) / Fase I” ten por obxecto a humanización e acondicionamento como travesía do tramo leste da antiga estrada nacional N-634 San Sebastián-Santiago de Compostela, actualmente de titularidade municipal, ao seu paso polo núcleo da Lavacolla. Neste proxecto prevese a execución de beirarrúas, aparcamentos e zonas verdes, pavimentación da calzada cunha sección transversal máis reducida para o calmado do tráfico, a instalación dunha rede soterrada de augas pluviais para a recollida das augas de escorredura e o soterramento e mellora da rede de iluminación pública. A veciñanza da zona trasladou a preocupación pola necesidade de corrixir o desnivel da estrada na N-634 da Lavacolla, para que recupere a cota da estrada orixinal, ou se achegue o máis posíbel, e conte con beirarrúas cunha zona que facilite o acceso a vivendas e negocios de xeito que, ademais de arranxar a vía pública, exista unha reurbanización que beneficie este barrio e incremente a calidade de vida cunha zona de paseo, de aparcamento e outra de parada por uns minutos para facilitar o labor dos comercios alí existentes.