PLENO

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de buscar outra zona de aparcamento para as persoas que van ao pavillón da Almáciga

Visita nocturna á Almáciga
Visita nocturna á Almáciga

Goretti Sanmartín visitou a zona coa veciñanza de Proxecto Vagalume afectada polo tráfico nocturno que aparca en zona peonil

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de buscar outra zona de aparcamento para as persoas que van ao pavillón da Almáciga

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2023.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, visitou a Almáciga para manter un encontro coa veciñanza afectada pola falta de regulación do tráfico e das zonas de aparcadoiro. Trasladará unha iniciativa ao Pleno para que se cumpra o acordo de setembro de 2022 para adoptar medidas de urxencia na contorna do CEIP Apóstolo Santiago para a ordenación do tráfico e da habilitación de zonas de aparcadoiro co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas residentes.

Na visita, a veciñanza da Almáciga advertiu do desleixo do Goberno local na regulación do tráfico, logo de que nos últimos anos insistise na necesidade de ordenar os accesos e as zonas de aparcadoiro neste barrio.

Na actualidade, existe un grave problema de tráfico que se concentra nas inmediacións do CEIP Apóstolo Santiago, especialmente a partir das 18:30 cando comezan os adestramentos fútbol-sala, hóckey e patinaxe nas instalacións do pavillón municipal de deportes e se utilizan zonas amarelas para aparcar ante a falta de espazos habilitados e outros medios de transporte. Deste xeito, a comunidade veciñal da rúa Proxecto Vagalume trasladou as queixas polo caos diario que se produce cada tarde e noite nesta zona pola afluencia de tantos vehículos particulares que causan inseguranza viaria, interrompen a mobilidade peonil e provocan contaminación acústica nesta zona do barrio.

“Cómpre solucionar os problemas de ruídos do pavillón, coas obras de insonorización necesarias para favorecer o descanso noctuno da veciñanza”, engadiu.

A praza en que aparcan numerosos vehículos cada día é peonil, con acceso exclusivo para o autobús escolar durante a entrada na praza para baixada e recollida de nenos e nenas, para permitir o xiro en redondo para saída. Deste xeito, cómpre buscarlles unha alternativa ás persoas que acoden ao pavillón deportivo para que deixen de aparcar en zona peonil onde está prohibido o estacionamento.

“O descontento prosegue ante a pasividade total despois das 300 sinaturas recollidas para reclamaren a dotación dunha liña de autobús, accesibilidade con ramplas, elevadores ou escaleiras mecánicas, reordenación do tráfico e ampliar as zonas de aparcadoiro”, explicou Goretti Sanmartín.  Lembrou que en setembro de 2022 se aprobou unha iniciativa do BNG cos votos a favor de BNG, CA e PP e mais a abstención do PSOE, que se comprometera a estudar a creación de novas prazas de aparcadoiro e unha solución ao transporte urbano.

 

 

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de buscar outra zona de aparcamento para as persoas que van ao pavillón da Almáciga