PLENO

O BNG traslada ao Pleno unha interpelación sobre o caso Pichel e reclama paralizar o pagamento pendente á empresa Desproi

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin

“Se se demostrase que Bugallo coñecía os feitos é evidente que a súa dimisión tería que ser inmediata, mais non preocuparse por eles ten a súa gravidade”, advirte Goretti Sanmartín

O BNG traslada ao Pleno unha interpelación sobre o caso Pichel e reclama paralizar o pagamento pendente á empresa Desproi

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2023.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín anunciou que o BNG rexistrou unha interpelación para o Pleno en que o BNG reclama que, de xeito inmediato, o Goberno local cese calquera actividade ou procedemento contractual coa empresa Desproi, á que lle foi adxudicado un contrato a dedo e que leva beneficiándose desta decisión 16 meses, e que paralice o pagamento da cantidade de 49.852 euros que a Xunta de Goberno extraordinaria do 30 de decembro autorizou en beneficio desta empresa, nun acto que pode considerarse nulo de pleno dereito.

Ademais, insta a que o Goberno saque a concurso público o aluguer dun local para situar de maneira provisional a brigada de Parques e Xardíns e a Concellaría de Medio Rural e que, en aras da transparencia, faga públicos todos os informes relativos a este expediente (do secretario, da intervención, da asesoría xurídica, de prevención de riscos...) e ofreza todas as explicacións sobre o acontecido e non pretenda novamente cerrar en falso unha crise coa dimisión dun concelleiro que, por suposto, é responsábel desta contratación fraudulenta mais non é o único responsábel.

Neste sentido, é imprescindíbel que o PSOE dea explicacións sobre o entramado de empresas que aparecen vinculadas nesta contratación irregular: Desproi, Gaia, Ribaterra e Surco Agrario, con diferentes nomes e subdivisións, mais sempre coa mesma xente detrás. “Esta crise de goberno, aínda non rematada, pon en evidencia un xeito de proceder que rexeitamos con contundencia na xestión do diñeiro público”, advertiu Goretti Sanmartín en rolsa de prensa.

“Estes días o Concello de Santiago é noticia por unha práctica irregular do goberno local, unha práctica que, queiran recoñecelo ou non, está facendo que volvamos a tempos pasados”, indicou. “Falamos de feitos realmente graves: a contratación a dedo, sen garantir, por tanto a libre concorrencia e a igualdade de oportunidades, por parte da Xunta de Goberno do partido socialista do aluguer dunha nave no parque empresarial da Costa Vella á empresa participada nunha importante porcentaxe por un dos membros do goberno de Bugallo, que se viu obrigado a dimitir de maneira urxente”, explicou a portavoz do BNG.

Contratación a dedo por elevadas cantidades

Sinalou que esa contratación que ía ser provisional pasou de 4 a 16 meses, sen ningún tipo de xustificación nin que o goberno activase o plan para unha solución definitiva que contaba con dotación orzamentaria. “Mais o tema, xa grave de seu, sobarda a pura responsabilidade ética e de honestidade, e ten importantes implicacións”, sinalou.

A primeira cuestión é que realmente a venda de accións do concelleiro de Medio Rural que se produce no mes de setembro, despois de se aprobar na Xunta de Goberno o aluguer da nave e mesmo con advertencias da intervención municipal de estarmos diante dun acto nulo de dereito, non busca máis que un efecto tapadeira para lle pasar esas accións a unha empresa de Unión Agrarias. “Non se trata dun feito casual esa venda, acontece xusto cando se produce o aluguer e moi probabelmente por un erro de cálculo a data é posterior á propia Xunta de Goberno. A quen lle entregou esas accións foi a persoas e grupos relacionadas co socialismo, coa UGT”, destacou.

A nave alugada non reúne os requisitos

A segunda é que a nave alugada, deseñada como un centro de negocios e oficinas, “non reúne as mellores condicións para os servizos que ten que prestar e, de feito, non conta co preceptivo informe de riscos laborais, algo sobre o que tamén ten que responder o órgano de contratación, isto é, a Xunta de Goberno”.

A terceira é que resulta moi difícil acreditar na palabra do concelleiro e do goberno -despois de mentiras, notas e aclaracións interesadas- de que o resto de persoas que conformaban a Xunta de Goberno non eran coñecedoras de nada disto. “Sobre todo, isto é máis difícil de crer no caso do propio alcalde, unha persoa que, como é coñecido, quere levar directamente os temas e non dá puntada sen fío”, indicou, “non se trata dunha persoa sen experiencia nin que descoñeza as normas que rexen a contratación pública”. Para alén diso, trátase dun procedemento que se demora no tempo e que tivo que ser obxecto de comentario xustamente polas persoas implicadas da propia empresa, algunha con responsabilidades importantes na Executiva socialista.

“Lembremos que este caso non é o de Javier Fernández, do núcleo opositor a Bugallo, senón que Pichel era dos seus, do seu círculo de proximidade e apoio, o que dificulta enormemente a versión de que o alcalde non sabía nada do asunto”, sinalou.

“A quen beneficia este contrato é algo hoxe sabido, persoas do ámbito do socialismo e o sindicalismo vinculado ao PSOE; non se trata de cuestións menores nin se pode pretender tapar aludindo a outros feitos do pasado entrando nese terríbel ‘e ti máis’ que desacredita a política e a actividade pública”, explicou a portavoz municipal do BNG. “Se se demostrase que Bugallo coñecía os feitos é evidente que a súa dimisión tería que ser inmediata, mais non coñecer estes feitos nin preocuparse por eles non deixa de ter tamén a súa gravidade”, engadiu. Mentres tanto, movémonos no terreo da sospeita, mais a verdade é que o alcalde “carece totalmente de credibilidade e a maioría da poboación o ve como un espectro do pasado, alguén xa derrotado na súa xestión á fronte do Concello de Santiago”.

O alcalde foxe para Fitur presentar unha modificación da web de Turismo

E a cuarta, e máis grave aínda, que vén derivada de todos estes feitos está outra consecuencia tamén dramática porque, para alén de ser imprescindíbel chegar ao fondo do acontecido, transparentar prazos, momentos, decisións e protagonistas de todos estes feitos, “o certo é que a credibilidade política púxose en risco e actuacións como esta afondan no escepticismo e na idea de a política ser un xogo de favoritismos e aproveitamentos persoais”. “Terríbel a conclusión a que moitas compostelás e composteláns están chegando hoxe”, indicou. “Mentres tanto, o alcalde, para non dar a cara, foxe para Fitur, presentar algo tan importante como unha modificación dunha páxina web”, sinalou con retranca.

Para concluír, afirmou que é terríbel a resignación da veciñanza “e este concello merece outra cousa, outro goberno e alguén que poida mirar aos ollos aos veciños e veciñas de Compostela e pór alternativas reais enriba da mesa e unha xestión honesta e rigorosa”.

O BNG traslada ao Pleno unha interpelación sobre o caso Pichel e reclama paralizar o pagamento pendente á empresa Desproi