RESIDUOS
Goretti Sanmartín reúnese con Hostelería Compostela para reclamar melloras no funcionamento do sistema de recollida de residuos da zona histórica
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro con representantes da asociación Hostelería Compostela para coñecer de primeira man as súas propostas para mellorar o sistema de recollida selectiva de residuos en comercios, bares e restaurantes da zona histórica, que o Goberno local puxo en marcha de maneira improvisada. “En concreto, o BNG coincide en que existe unha falta de planificación, descoordinación e ausencia de participación cidadá e, concretamente, da hostalaría nos cambios introducidos co novo sistema porta a porta para estes negocios”, explicou Goretti Sanmartín.
Segundo explicaron, a información proporcionada polo Goberno local foi deficiente posto que non se levou a cabo a enquisa e o feito de poñer agora un punto de información non é suficiente para resolver as dúbidas da actuación.
O BNG tamén considera que o sistema de “illas de quita e pon” debeu contar co visto e prace da Comisión asesora de patrimonio histórico, antes de poñelas en marcha, para avaliar os materiais e a estética, que deben ser acordes á contorna. Tamén é necesario que se realice unha limpeza das illas e do espazo que ocupan logo da súa retirada cada xornada para deixar en boas condicións o lugar en que se asentan.
En canto ao sistema de traslado de residuos á planta de Sogama en Cerceda, Goretti Sanmartín lembrou que o BNG rexistrara alegacións ao prego do contrato, que non aposta pola reciclaxe nin pola compostaxe de materiais orgánicos, como require a normativa europea e o contido na Axenda 2030. Advirte tamén de que o Goberno local se negou a realizar un proxecto para crear unha planta de compostaxe comarcal que podería supor uns 100 postos de traballo para a área de Compostela.