PLENO
O BNG demanda unha zona de aparcamento temporal en Rodrigo de Padrón para a veciñanza da zona histórica
Goretti Sanmartín mantivo un encontro coa nova directiva da asociación veciñal Fonseca
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2023.- O BNG recibiu unha proposta da asociación veciñal da Cidade histórica Fonseca de dotar dunha zona de aparcamento por un tempo máximo de 15 minutos na praza de Rodrigo de Padrón reservada á veciñanza da zona histórica, co fin de poder as familias axudaren no desprazamento de persoas maiores, levar compra ou maletas de residentes, tendo en conta as limitacións existentes de paso e parada para acceder á zona monumental.
Ademais, é necesaria unha reordenación do tráfico na praza de Rodrigo de Padrón, a avenida de Figueroa e a rúa de San Clemente para evitar as aglomeracións que alí se producen.
Deste xeito, trasladará unha iniciativa ao Pleno coas demandas desta asociación veciñal co obxectivo de mellorar as zonas de aparcamento e de reodenación de tráfico que favorezan á veciñanza da zona histórica.