PLENO
O BNG reclama o arranxo do ascensor e dos aseos públicos da praza de abastos
Traslada unha iniciativa ao Pleno para que o Goberno local realice as melloras necesarias para a reapertura destes servizos
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023.- O BNG traslada unha iniciativa ao Pleno para que o Goberno local proceda ao arranxo e reapertura do ascensor e dos aseos públicos da praza de abastos.
Na praza de abastos hai un ascensor que conecta coa rúa Virxe da Cerca que daba servizo tanto ás persoas que acoden ao mercado como ás que traballan alí. De feito, era moi utilizado por persoas maiores ou con dificultades de mobilidade pola súa proximidade ás paradas de autobús, xa que o elevador facilita que poidan subir e baixar ás instalacións para evitaren as escaleiras sen dar un rodeo pola rúa de Tras de San Fiz de Solovio ou pola rúa da Oliveira, que son os accesos sen chanzos.
Do mesmo xeito, moitas veces os aseos públicos están pechados, o que supón un problema tanto para o persoal que traballa na praza de abastos como para quen vai facer a compra ou provedores/as de mercadorías procedentes doutras localidades.
Deste xeito, o BNG reclamará no Pleno que o Goberno local proceda, de urxencia, ao arranxo do ascensor e dos aseos públicos para poder ofrecer estes servizos tanto ás persoas traballadoras da praza de abastos como ás que acoden a facer a compra.