ASOCIACIONISMO
Navia Rivas insta a axilizar a convocatoria de axudas culturais, deportivas e de ONGD para que saian no primeiro trimestre
A demora da xestión municipal de anos pasados provocou que algúns colectivos non se puidesen acoller a estas subvencións
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023.- A concelleira do BNG Navia Rivas trasladará ao Pleno unha iniciativa para que o Goberno local adiante ao primeiro trimestre do ano a convocatoria de axudas culturais, deportivas e de ONGD, co obxectivo de que poidan organizar a programación anual cos recursos conseguidos.
“Para favorecer o labor tanto de profesionais da cultura, como de asociacións, clubs deportivos e entidades sociais é necesario que o Goberno local publique no primeiro trimestre de 2023 as correspondentes convocatorias de axudas, co fin de facilitar o seu labor e de que poidan facer programación durante todo o ano e non só nos últimos meses cando saben a cantidade orzamentaria coa que van contar”, explicou. Co orzamento prorrogado non hai escusa para que non saian nese prazo, indicou.
O Goberno local publicou no BOP as convocatorias de axudas para profesionais e asociacións culturais o 29 de setembro de 2022, o 30 de setembro para deporte federado e o 18 de novembro para as organizacións non gobernamentais; unhas datas moi tardías que provocaron dificultades económicas e organizativas tanto a artistas, deportistas e colectivos culturais, deportivos e sociais á hora de programaren as súas actividades nese exercicio. Esta demora mesmo motivou que algúns non se puidesen acoller a estas subvencións.