OBRAS
O BNG reclama o arranxo urxente do camiño de Requesende
Traslada unha pregunta ao Goberno local, que perdeu unha subvención de AGADER para estas obras que a veciñanza leva anos a demandar
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023.- O BNG reclámalle ao Goberno local que informe á veciñanza se ten previsto realizar as obras necesarias no camiño de Requesende, na parroquia de Sabugueira, logo de que perdese unha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
A veciñanza da Sabugueira leva anos a reclamar o arranxo do camiño de Requesende. Porén, o Goberno local perdeu unha subvención de 54.024 euros por parte de AGADER, polo importe da totalidade da obra. De feito, esta actuación xa fora aprobada pola Xunta de Goberno o 24 de febreiro de 2021, nunha sesión extraordinaria, e aínda non se realizou.
Estas obras son necesarias para mellorar a drenaxe e a pavimentación da pista, que ten unha unha lonxitude de 1,2 km para facilitar o acceso a propiedades agrícolas da parroquia de Sabugueira.
O BNG recibiu queixas da veciñanza que demanda estas obras e, por este motivo, trasladou unha pregunta ao Goberno local para coñecer se teñen previsto realizar as obras necesarias para mellorar a drenaxe e a pavimentación do camiño de Requesende. Require saber, ademais, que partida orzamentaria vai utilizar para facelo e cal é o prazo previsto para se executaren estas obras.