INSTITUCIONAL
O Goberno do PSOE deixa sen contestar case o 50% das queixas recibidas na comisión
Goretti Sanmartín comprométese a que no futuro goberno local se atendan as reclamacións chegadas da veciñanza cun reforzo dos servizos municipais
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023.- O BNG quere advertir da baixa resposta que hai por parte do Goberno local ás queixas e suxestións que chegan á comisión, “o que indica a falta de participación, de transparencia e de resolución de propostas que chegan ao Concello de Santiago”, indicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
“É unha responsabilidade política que se contesten esas reclamacións e que se resolvan as propostas da veciñanza e, para iso, é necesaria unha reorganización interna do persoal municipal e que se reforce aqueles servizos que o precisen para que poidan dar unha resposta en prazo”, indicou. Así, o BNG comprométese a que no futuro goberno local se atendan as reclamacións chegadas da veciñanza cun reforzo dos servizos municipais.
Existe unha Comisión especial de Queixas e Suxestións, configurada ao abeiro da Lei de grandes cidades, para que a veciñanza indique as deficiencias percibidas e as propostas de mellora sobre o funcionamento dos servizos ou materias de competencia municipal “e moitas veces a resposta é que se toma nota, que se tramita ao servizo correspondente ou que se fará un estudo sobre o tema, mais nin sequera aquelas que están contestadas significa que estean solucionadas”. O problema é a cantidade delas que non están nin sequera contestadas. Por meses, nalgunha ocasión, o pasado ano non se contestou nin o 0,2% das recibidas.
Das presentadas entre o 1 de xaneiro de 2022 até o 12 de xaneiro de 2023, que foron 793 queixas, resolvéronse 474 e deixáronse sen atender 319. Por tanto, hai un 40% delas sen resolver. Se a estas 793 lle restamos aquelas queixas que non se tramitaron por se consideraron improcedentes, a porcentaxe increméntase até o 44%, case a metade sen resolver. Algunhas delas son chamativas como as de Atención ao contribuínte, pois de 66 queixas presentadas hai 63 pendentes; en Parques e xardíns (67 de 67), en Cultura (8 de 8), en Deportes (8 de 8); en Alcaldía (3 de 3), en Rexistro (10 de 9), de Servizos comunitarios (30 de 10), de Disciplina urbanística e licenzas (38 de 32), de Comercio (2 de 2), de Emprego e promoción económica (2 de 2).
Outra cuestión que chama a atención é que un dos temas que máis preocupan á veciñanza de Santiago son o de seguranza e tráfico que, durante este período significaron 209 queixas e reclamacións, das que 159 foron contestadas mais non significa que fosen resoltas e 50 non obtiveron resposta. “Na actualidade non existe unha planificación para resolver as demandas nin solucionar os problemas de autobuses, de pasos de peóns, falta de sinalización e de iluminación, que nos comprometemos a abordar de maneira específica no vindeiro goberno municipal”, explicou Goretti Sanmartín.