PLENO

O BNG presenta unha moción para que o Concello de Santiago apoie a manifestación en defensa da sanidade pública do 12 de febreiro

SOS Sanidade Pública
SOS Sanidade Pública
Propón que se continúe a colaborar na recollida de sinaturas promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública para conseguir que prospere a ILP para salvar e fortalecer a atención primaria
O BNG presenta unha moción para que o Concello de Santiago apoie a manifestación en defensa da sanidade pública do 12 de febreiro

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023.- O BNG presentou unha moción para que o Concello de Santiago apoie a manifestación do 12 de febreiro en defensa da sanidade pública convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública.

Segundo consta no texto da moción, o deterioro da atención primaria galega está alcanzando un punto de inflexión que pode ser irreversíbel se non se lle pon remedio de forma urxente. Os concellos, como institucións mais próximas á poboación e aos seus problemas, reciben as queixas e demandas da veciñanza, sobre as dificultades para acceder aos centros de saúde, os peches de PACs, a masificación das consultas, a prioridades para a consulta telefónica, a falta de persoal médico, de pediatría, enfermaría e doutras categorías profesionais, sometido a condicións de inestabilidade e precariedade laboral, tendo gran repercusión na calidade da atención sanitaria.

A crise da atención primaria, afecta á saúde da poboación (polos atrasos nos diagnósticos e tratamentos), colapsa as urxencias e as listas de agarda nos hospitais. Así o confirman os últimos informes do Ministerio de Sanidade, que reflicten un incremento da mortalidade evitábel e xeral, non explicábel pola epidemioloxía.

Como administración representativa dos intereses da poboación, non podemos tolerar que a poboación desmoralizada acabe aceptando uns centros de saúde de baixa calidade e inaccesíbeis por falta de persoal e de recursos, que se abandone a promoción, prevención, rehabilitación, o traballo comunitario e a participación cidadán. A solución non pode ser a contratación de seguros privados enganosos, que tamén teñen listas de agarda e que denegan consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas por non “entrar” no seguro contratado.

Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública, piden o apoio para convocar a manifestación do día 12 de febreiro do 2023, con saída ás 12 horas desde a Alameda e remate na praza do Obradoiro, en defensa do sistema sanitario público galego. De feito, o apoio á ILP xa se debateu ao abeiro dunha moción aprobada no Pleno de setembro de 2022.

Deste xeito, é urxente incrementar o orzamento da atención primaria até o 25% do total; a recuperación dos postos de traballo recortados; a convocatoria de novas prazas de tódalas categorías de persoal nos Centros de Saúde e PACs; a utilización plena dos servizos hospitalarios para acabar coas listas de agarda acumuladas; a elaboración dun novo modelo de saúde comunitario que emane das conclusións do consello técnico de atención primaria de Galiza e que conteña a colaboración das administración locais para ir contra os determinantes da saúde e da enfermidade.

O BNG presenta unha moción para que o Concello de Santiago apoie a manifestación en defensa da sanidade pública do 12 de febreiro