PLENO

Goretti Sanmartín: “A dimisión do concelleiro do PSOE evidencia a falta de ética, as corruptelas e os favoritismos que recordan tempos pasados na xestión do Concello de Santiago”

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

“Co diñeiro público non se pode favorecer unha empresa mediante un contrato a dedo nin prolongalo por estas cantidades tan elevadas e o alcalde é responsábel desta situación”, advirte Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín: “A dimisión do concelleiro do PSOE evidencia a falta de ética, as corruptelas e os favoritismos que recordan tempos pasados na xestión do Concello de Santiago”

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023.- O BNG, logo da dimisión do concelleiro do Medio Rural, considera que isto evidencia as irregularidades administrativas cometidas por adxudicar a dedo un contrato a unha empresa en que tiña implicacións directas e que, ademais, formaba parte da Xunta de Goberno. “Isto evidencia tamén a falta de ética, as corruptelas e os favoritismos nunha situación esperpéntica que recorda tempos pasados na xestión do Concello de Santiago, cun concelleiro que marcha do Goberno local e pasa a ser non adscrito e outro dimitido por irregularidades na contratación, falta de transparencia e favoritismo”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Ademais, estima que o alcalde de Santiago de Compostela é responsábel directo por ser coñecedor desta situación e non pode ocultarse detrás desta dimisión, por ser cómplice desta contratación irregular dunha nave que, ademais, non cumpría os requisitos para as que foi alugada e non contaba nin con informes de prevención de riscos laborais. “É unha situación crítica do PSOE á fronte do Goberno de Santiago de Compostela nestes momentos que dá boa conta da incapacidade para dirixir o Concello, explicou Goretti Sanmartín.

Solicita do alcalde que cese de xeito inmediato a actividade contratada de xeito irregular á empresa Desproi para o alugueiro dunha nave no parque empresarial Costa Vella para a localización da brigada de Parques e Xardíns e da Concellaría de Medio Rural, por ser nulo de pleno dereito segundo consta nun informe de Intervención municipal.

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, indicou que o Goberno local incorreu nunha irregularidade ao facer un contrato a dedo, que ía ser provisional por 4 meses e que se estendeu a 16 meses, sen transparencia, concorrencia nin igualdade de oportunidades. “Co diñeiro público non se pode favorecer unha empresa mediante un contrato a dedo nin prolongalo por estas cantidades tan elevadas e o alcalde é responsábel desta situación”, sinalou. “Por iso é cómplice da falta de control do diñeiro público, que é unha obriga inescusábel das administracións que deben ser exemplarizantes a respecto da libre concorrencia e no carácter público das contratacións, sen favorecer persoas nin empresas e fuxindo de conceder os chamados contratos a dedo”, engadiu.

Deste xeito, o BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno para instar o goberno local a sacar a concurso público, de maneira inminente, o aluguer dun espazo para localizar de maneira provisional a brigada de Parques e Xardíns e a Concellaría de Medio Rural e cesar a actividade coa empresa Desproi, a quen lle foi concedido un contrato a dedo. Preguntará, ademais, en que momento o concelleiro de Medio Rural deixou de ser administrador único de Gaia e cal era e é a súa vinculación directa ou indirecta coa empresa Desproi, xa que estivo presente na Xunta de Goberno en que se procedeu á adxudicación do contrato.

“Cómpre transparentar todo o acontecido porque a poboación ten dereito a saber cada un dos pasos e feitos deste novo culebrón do Goberno local”, sinala Goretti Sanmartín.

Segundo documentación contrastada polo BNG, o grupo de goberno aprobou na xunta de goberno do 14 de setembro de 2021 a proposta de alugar un inmoble na rúa República Checa nº 52 (parque empresarial de Costa Vella) á Desproi Promociones para a localización provisoria da brigada de Parques e Xardíns e da Concellaría de Medio Rural por un prazo de 4 meses podendo prorrogarse mensualmente pola cantidade de 4.120 euros máis IVE porque a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia lle comunicou ao Concello que o prazo límite de desaloxo das instalacións sería o 15 de setembro para a demolición da antiga estación de autobuses.

O pasado 30 de decembro nunha xunta de goberno extraordinaria autorizouse dispoñer e recoñecer a obriga e liquidación pola cantidade de 49.852 euros para pagar 10 facturas á empresa Desproi Promociones.

A falta de aclarar definitivamente cal é esa implicación, parece evidente que a empresa Gaia, de que o concelleiro de Medio Rural é administrador único, posúe unha porcentaxe importante de accións da empresa Desproi, que é a encargada sen ningún tipo de contrato público de alugar unha nave ao Concello durante un tempo que xa se prolonga 16 meses e cun expediente con reparos da Intervención municipal por non ser conforme a dereito.

 

 

Goretti Sanmartín: “A dimisión do concelleiro do PSOE evidencia a falta de ética, as corruptelas e os favoritismos que recordan tempos pasados na xestión do Concello de Santiago”