RESIDUOS
O BNG propón intensificar a campaña de sensibilización de recollida de residuos na zona histórica e axustes que faciliten o funcionamento
Anima a veciñanza a comezar a usar este modelo para manter limpo e coidado este espazo distinguido como Patrimonio Cultural da Humanidade
O Goberno local segue a incumprir a lexislación ao carecer dun plan para tratar a fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023.- O BNG propón modificacións no programa de instalación de illas de recollida selectiva de residuos na Cidade histórica, de cara a facilitar a súa utilización por parte da veciñanza. Estima positivo que haxa un cambio de modelo, aínda que resulta insuficiente, e agarda que o sistema porta a porta para comercio e hostalaría se poña en marcha canto antes.
Ademais, reclama que se intensifique a campaña de sensibilización e de información sobre o novo sistema para pedirlle á veciñanza que se implique, que sinta o orgullo de vivir nunha zona histórica que debe estar limpa e coidada.
Un dos problemas detectados é que o compartimento destinado a biorresiduos é do mesmo tamaño que para as outras fraccións, cando supón máis da metade e, por tanto, ou non están ben dimensionadas ou non teñen previsto reciclar. Ao ter apertura polos dous lados de cada illa e, por un deles, non ser de biorresiduos é fácil que haxa equivocacións. Os ganchos que moven as illas son moi ruidosos e pouco acaídos para a Cidade histórica, segundo as queixas recibidas no BNG.
Propón un cambio de emprazamento nalgúns dos lugares como o da praza do Toural á praza de Fuenterrabía e a instalación nun lateral da praza de San Martiño Pinario, como estaba previsto, para evitar a súa posición frontal na fachada da igrexa.
Tamén recibiu comentarios sobre o depósito dos colectores móbiles que quedan estacionados en Salgueiriños, cando a empresa concesionaria debe contar cun lugar apropiado para eles, polo que urxe ao Goberno local a buscarlle unha solución.
O dos novos contedores é unha ocorrencia cosmética do Goberno local que tapa a inoperancia e falta de modelo logo de asinar un contrato millonario por 10 anos de duración, que non aposta pola compostaxe, nin individual nin colectiva, sen solicitar un estudo dunha planta de compostaxe propia e adscrito polo modelo Sogama que lle quite o lixo de diante e o traslade vertedoiros como o recentemente clausurado en Miramontes. Deste xeito, o Goberno local segue a incumprir a lexislación ao carecer dun plan para tratar a fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos.