PLENO
O BNG reúnese no Parlamento coa veciñanza da Lavacolla afectada polo Plan Especial do Camiño Francés en Santiago
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023.- O BNG reuniuse coa veciñanza da Lavacolla que se opón ao desenvolvemento do Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3), tal e como está redactado, por considerar que lle causa importantes prexuízos e por esixir que exista un diálogo previo a respecto das condicións, dos procedementos e dos recursos que se poñen a disposición da veciñanza para poder executar ese plan.
Desde o BNG, participaron na reunión Goretti Sanmartín, portavoz municipal en Santiago, a deputada Iria Carreira e o deputado Daniel Pérez. “Cómpre subliñar que moitas das medidas dese plan están referenciadas en normativa galega e que a Xunta debe apoiala economicamente”, indicou Goretti Sanmartín. “Esixen que se cree unha liña de axudas con capacidade suficiente para financiar unha boa parte das medidas contidas no plan e de esixir que haxa un plan de melloras e de investimentos de servizos como saneamento, iluminación ou dotación de aseos para o Camiño de Santiago”, engadiu.
“Non deben comezar a casa polo tellado, polo que o BNG propón que o plan fique enriba da mesa e se inicien conversas coa veciñanza para facer un proxecto dialogado, consensuado e que responda ás necesidades da xente que vive alí para dotar o rural de futuro”, explicou Goretti Sanmartín.
Deste xeito, o BNG trasladará ao Pleno de xaneiro unha iniciativa para intentar conseguir un apoio da Corporación para a paralización provisional deste plan especial de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés mentres non se chegue a consenso coa veciñanza da Lavacolla.