SERVIZOS SOCIAIS

Goretti Sanmartín reclama a necesidade de reorganizar o SAF e garantir os dereitos laborais das traballadoras

Encontro con representantes do SAF
Encontro con representantes do SAF

Empraza o Goberno local a demandarlle á empresa do SAF que cumpra coa suba do IPC no salario das traballadoras

Goretti Sanmartín reclama a necesidade de reorganizar o SAF e garantir os dereitos laborais das traballadoras

Propoñen dar conta dos resultados da auditoría para facerlle un seguimento á empresa concesionaria co fin de que cumpra o estipulado no contrato

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2023.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro con traballadoras do Servizo de Axuda do Fogar e comprometeuse a trasladar ao Pleno as súas reivindicacións en canto á necesidade de que a empresa concesionaria suba o 6,5% salarial polo incremento do IPC, ademais de facer efectiva a zonificación e a identificación persoal no sistema de fichaxe para dar conta do labor realizado de xeito personalizado, cos obxectivos de contribuír á coordinación e de ofrecer un mellor servizo á veciñanza compostelá.

Na xuntanza explicaron que no mes de decembro cobraron un salario mileurista pola xornada completa porque a empresa concesionaria non só non lles aplica a suba do 6,5% do IPC, senón que retirou o 3,1% que comezara a pagarlles desde o pasado mes de abril, co que están a cobrar o mesmo que en 2020, unhas condicións que se agravan para moitas das traballadoras que teñen xornada parcial.

Reclaman tamén a necesidade de facer efectiva a zonificación do territorio e a reorganización da distribución horaria co fin de optimizar o tempo dos desprazamentos, para alén de ter unha única persoa coordinadora de referencia. Na actualidade son 198 traballadoras que deben acudir a todos os fogares asignados e, pola mala planificación, ás veces a atención non é a debida.

Ademais, demandan que o sistema de fichaxe Cibersat inclúa unha identificación personalizada dos traballos realizados, para atribuírlles as tarefas e dar conta dos fogares atendidos e da súa localización xeográfica.

Deste xeito, propoñen que se coñezan os resultados da realización da auditoría comprometida para facerlle un seguimento á empresa concesionaria co fin de que cumpra o estipulado no contrato. O BNG solicitou desde hai anos que exista un servizo de inspección das concesionarias, algo ao que se comprometeu o Goberno de Bugallo mais que continúa sen existir.

“Traballadoras que se din esenciais non merecen esta precariedade e unhas condicións laborais que non son as idóneas para desenvolver tarefas con colectivos de especial protección”, afirmou Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín reclama a necesidade de reorganizar o SAF e garantir os dereitos laborais das traballadoras