ORDENANZAS

O BNG insiste en que a Xunta debe realizar un plan de rescate da hostalaría, complementado con axudas municipais

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Goretti Sanmartín propón unha campaña sobre o consumo a respecto da seguranza sanitaria para recuperar a confianza da poboación

O BNG insiste en que a Xunta debe realizar un plan de rescate da hostalaría, complementado con axudas municipais

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamou que o Goberno local apoie a Asociación de Hostalaría nas súas reivindicacións para que a Xunta de Galiza realice un plan de rescate “absolutamente necesario” para a súa supervivencia.

Goretti Sanmartín realizou esta petición no Pleno extraordinario para a aprobación da modificación de Ordenanza de terrazas, para non cobrar esa taxa polo uso de espazo de dominio público en 2021, como unha das medidas de apoio ao sector hostaleiro nesta pandemia da covid-19. Esta modificación aprobouse por unanimidade.

O sector hostaleiro é fundamental en Santiago de Compostela, tanto pola xeración de emprego como pola dinamización económica, explicou, “moi superior ao que acontece noutras cidades galegas con maior poboación, xunto co turismo, coa cultura e co comercio de proximidade”.  

Porén, este Goberno local tardou en reaccionar e en articular medidas para a hostalaría, pois nun primeiro momento non aceptou estas propostas e logo do diálogo co sector acordou incluílas. Nesta liña, dixo, hai que traballar no Plan de reactivación económica xunto con outras medidas, “desde a perspectiva do BNG este plan ten que contar cun maior orzamento e non pode ir orientado a complementos de liñas de crédito porque agora xa non son válidas ao non ser necesario facer novos investimentos cando o prioritario son axudas directas para gasto corrente”.

Goretti Sanmartín insistiu en consensuar ese plan co sector e afirmou que o Goberno local debería facer autocrítica, “porque non sempre actuou con toda a rapidez que debería nin atendendo as demandas do sector”. Destacou que o sector hostaleiro necesita, ademais destas axudas, “un plan de rescate do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza”. Demandou esta non sexa a única axuda, pois as outras administracións deberían ir na liña de eliminar certas taxas e impostos a nivel estatal e tamén crear un plan de rescate e normativa que se debe facer desde o ámbito galego. Así, citou como exemplo a normativa específica que se puxo en marcha en Catalunya coa redución dos alugueiros ao 50% tendo en conta que a maioría non son propietarios/as do local. “Agardamos que este Concello apoie o Asociación de Hostalaría nas súas reivindicacións para que a Xunta de Galiza realice ese plan de rescate absolutamente necesario”, expuxo.

Sinalou tamén a necesidade “de non lanzar mensaxes contraditorias” e, unha vez que se consiga dobregar a curva de contaxios da covid-19, e poidan volver abrir os estabelecementos, débese poñer en valor o traballo e os investimentos económicos que realizaron para reforzar a seguranza, cunha campaña para recuperar a confianza da poboación, de carácter promocional e informativo de consumo a respecto da seguranza sanitaria, para cumprir os protocolos.

O BNG insiste en que a Xunta debe realizar un plan de rescate da hostalaría, complementado con axudas municipais