Concentración do BNG para reclamar máis recursos sanitarios e atención presencial nos centros de saúde
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020.- O BNG convocou unha concentración, diante do centro de saúde Concepción Arenal, para reclamar máis recursos para a sanidade pública e que se active a atención primaria presencial.
A portavoz municipal Goretti Sanmartín, en declaracións aos medios de comunicación, destacou que “os recortes do PP levan producido unha escaseza de recursos, de medios materiais e humanos, que provocan que haxa que agardar por unha cita de médico de familia entre sete e 10 días, con teléfonos moitas veces colapsados e mediante atención telefónica que desde a nosa perspectiva non garante os dereitos sanitarios das persoas doentes”.
Referiuse tamén ao atraso en citas diagnósticas e cirúrxicas que vai ter consecuencias na saúde e con problemas noutras enfermidades, derivadas non só desta crise senón tamén dos recortes nos últimos anos na sanidade pública.
“Ademais, recibimos numerosas queixas da veciñanza a respecto de non poderen pór a vacina da gripe a pesar de seren persoas de risco ao non haber suficientes doses por falta de anticipación”, advertiu.
Trasladou a solidariedade do BNG ao persoal da UCI que inicia unha folga o 16 de novembro para que se cumpran os compromisos da Xerencia para facer as obras e as melloras para traballadoras e traballadores, “que piden non facer quendas tan longas moitas veces co mesmo EPI sen garantir os seus dereitos laborais e de prevención de riscos”, explicou.
Pola súa parte, a deputada Iria Carreira explicou que esta concentración se enmarca “nunha campaña do BNG por todo o país de denuncia da situación da sanidade galega que xa viña deteriorada de moito antes, que padecía os recortes dunha década de desgoberno do PP á fronte da Xunta de Galiza e agora a pandemia da covid vén sinalar cada unha desas deficiencias”.
Aludiu aos recortes estruturais que se fixeron nos cadros de persoal, “que deixan grupos de atención primaria infradotados, con falta de persoal e de medios materiais”. As demandas do BNG son destinadas “a reverter, canto antes, esta situación para reforzar a atención primaria como elemento central do sistema e destinar a ela o 25% do orzamento de sanidade, ademais de reducir as listaxes de espera para atención hospitalaria e as sucesivas revisións que demoran”. Deste xeito, a deputada reclamou “que se respecte e dignifique o dereito á saúde” das persoas e o labor de profesionais da sanidade pública.