PLENO
Goretti Sanmartín propón que se reprogramen os filmes de Cineuropa vinculados a Compostela para atender a demanda existente
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, anunciou que presentará unha iniciativa no vindeiro Pleno para que se volvan proxectar películas de Cineuropa con alta demanda por mor da redución de aforo e do colapso para conseguir entradas na web de Compostela Cultura.
Deste xeito, advertiu de que houbo gran cantidade de persoas que non puideron conseguir entradas para as proxeccións de Cineuropa, polo que propón que se volvan proxectar en espazos públicos ou en colaboración con salas privadas independentes.
“Entendemos que a redución de aforo a 30 persoas deixou sen posibilidade de asistir a proxeccións de cine que nalgúns casos están vinculadas a Santiago de Compostela e para as que hai moita demanda”, explicou Goretti Sanmartín.
“É inexplicábel que se produza un colapso informático que provoca que numerosas persoas non poidan acceder ao proceso de venda das entradas e invitacións a través da web”, advertiu. Así, considera que “a Administración municipal ten que estar á altura das circunstancias e facilitar que estes filmes se poidan ver en Santiago de Compostela o número de veces que sexa necesario para atender a demanda xerada”.
En concreto, refírese a filmes con dirección, protagonistas e vinculación con Santiago de Compostela e para as que, por tanto, hai un público que demanda velas canto antes como “Nación”, de Margarita Ledo Andión; “Ons” de Alfonso Zarauza; ou “A poeta analfabeta”, de Sonia Méndez, centrada na figura de Luz Fandiño tamén residente nesta cidade.
O BNG presentará esta iniciativa no Pleno para que se estude se nos meses de decembro e xaneiro pode estabelecerse esa fórmula, quer de colaboración ou de proxección directa, co obxectivo de garantir o número de sesións suficientes para atender a demanda co aforo que permitan os protocolos sanitarios vixentes.