Goretti Sanmartín propón crear unha oficina específica para tramitar as axudas dirixidas a hostalaría, comercio e cultura
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, sinalou que o BNG ve “sombras” na proposta de gasto de 9,5 millóns de euros que proceden dos remanentes de tesouraría que non se gastaron en prazo en 2019. “É certo que se incrementan as axudas directas a Hostalaría, Comercio e Cultura, mais é preciso habilitar unha oficina específica para tramitar estas axudas, que axilice e faga posíbel que sexan axiña unha realidade”, propuxo en rolda de prensa.
No referido ás obras, considera que os proxectos que se inclúen non están “debidamente xustificados, denotan a falta de modelo de cidade do grupo de Goberno e a incapacidade para poñer por riba de todo os intereses da veciñanza fronte á aposta por un Xacobeo que non vai ser o baño de masas que o alcalde, Sánchez Bugallo, pretende”, ademais de incluír obras que xa aparecían no Orzamento de 2020 e ficaron sen executar.
No lado negativo, destacou que quedaron fóra propostas do BNG para a adaptación dos centros escolares ás necesidades da covid, con 500.000 euros, e axudas sociais para colectivos vulnerábeis con 750.000 euros que o PSOE non considerou.
Deste xeito, o BNG agardará a estudar toda a documentación cando o equipo de Goberno a entregue para poder definir a súa posición, toda vez que faltan informes para poder tomar a decisión de voto.
Goretti Sanmartín lembrou que “poder utilizar eses remanentes é un logro dos concellos que se opuxeron á intención do Goberno do Estado de incautar os remanentes municipais para logo ilos devolvendo a xeito de préstamo”.
Sen modelo de cidade e sen Orzamento para 2021
“Este Goberno local carece dun modelo de cidade e a día de hoxe está lonxe de ter o mellor agasallo que lle podería facer aos sectores afectados pola pandemia: ter un orzamento para atender esta crise económica”, sinalou. “É evidente que este Goberno non ten orzamento e comezará 2021 sen el, pois está cun orzamento aprobado o 2 de marzo de 2020, un orzamento pre-covid que non serve para hoxe”, engadiu.
Ademais, destacou que “falta un maior e máis equilibrado investimento en axudas directas que requiren dun compromiso de axilización administrativa porque aínda non se cobraron as axudas convocadas polo Concello hai meses”. “Por iso propoñemos que se habilite unha oficina específica para estas axudas, que se lles dea prioridade na tramitación administrativa e que non rematen por ser axudas extemporáneas”, afirmou.
Para o BNG tamén falta unha aposta por mellorar a vida da veciñanza nos distintos barrios e tamén para xerar emprego coa realización de diferentes obras con proxectos, moitas dela xa aprobadas no Pleno. “Priorízanse obras previstas para un Xacobeo diferente do que vai haber e que, desde a nosa perspectiva, non son de máxima urxencia neste momento”, advertiu. Para o BNG tamén é discutíbel a urxencia na realización da actuación de adecuación do Hórreo tras as obras da Intermodal.Ademais, recóllense obras que xa tiñan que estar feitas porque estaban incluídas no Orzamento de 2020.
A portavoz do BNG no Concello de Santiago, segundo trasladou na rolda de prensa, ve con bos ollos o incremento de axudas directas para a hostalaría, o comercio e a cultura, coa inclusión de partidas para facer fronte ao gasto corrente e a posibilidade de realizar un anticipo de gasto e de subvención para que os colectivos máis afectados poidan cobrar de maneira inmediata. “Somos conscientes de que estes remanentes, se as convocatorias se fan en diálogo co sector e serven para cubrir as necesidades máis urxentes, poden ser un pequeno balón de osíxeno para os colectivos afectados, máis claramente insuficiente”, sinalou. Por iso aproveitou para reclamar que a Xunta presente “un verdadeiro plan de rescate”, pois anunciou “unha proposta ridícula no cuantitativo, con 14 millóns de euros, polo que desde o BNG continuaremos a demandar que desde o Goberno galego se elabore unha verdadeira folla de ruta para o peor dos escenarios posíbeis”.