PLENO
O BNG insta o alcalde a que sexa prioridade realizar o pagamento a 30 días a provedores/as como marca a normativa
Considera imprescindíbel que antes de final de ano boa parte dos remanentes poidan dedicarse a obras e investimentos
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019.- O grupo municipal do BNG insta o alcalde a que sexa prioridade realizar o pagamento a 30 días a provedores/as, como marca a normativa, para dinamizar a economía local ademais de poder destinar os remanentes a obras e investimentos financeiramente sustentábeis, en vez de ter que destinalos a amortizar débeda. No Pleno de aprobación de expedientes de suplemento de crédito, o BNG votou a favor do primeiro punto e abstívose no segundo.
Deste xeito, o BNG votou a favor do primeiro punto do Pleno para a aprobación de expedientes de suplemento de crédito co fin de poder pagar as facturas de traballos realizados para o Concello durante 2018 e que aínda están pendentes de cobro. “O BNG considera que o pagamento dos traballos realizados por provedores/as que non se puidese efectuar en 2018, por valor de 1.800.000 euros, débese realizar aínda que somos críticas con ese procedemento de deixar as chamadas facturas no caixón”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal.
Sobre a proposta do Goberno local de dedicar 5 millóns a amortizar débeda, sinalou que o lóxico sería destinar os remanentes de 2018 a obras e investimentos financeiramente sustentábeis, mais isto non é posíbel por superar o período medio de pagamento a provedores/as coa lexislación actual. Nese sentido, a portavoz municipal insta a que sexa prioridade para o Goberno local o pagamento a 30 días, como marca a normativa, e considera pouco razoábel e ambicioso por parte do alcalde fixar como obxectivo que se normalice este período a finais de 2020, como explicou no Pleno.
Deste xeito, o BNG abstívose nese segundo punto “porque ao Goberno local lle falta planificación e o compromiso de que os outros 5 millóns dos remanentes se vaian dedicar a investimentos financeiramente sustentábeis, a obras que necesita Santiago de Compostela”, sinalou Goretti Sanmartín.
Así, reclama “medidas excepcionais para corrixir a desorde existente na execución dos procedementos para contratar”, co fin de que a finais de 2019 o período medio de pagamento a provedores sexa inferior a 30 días “e que non se repita ter que dedicar a amortizar débeda o que pode ir a obras e investimentos en beneficio da veciñanza”, engadiu.