PLENO
O BNG presenta unha pregunta para coñecer os procedementos para axilizar a tramitación de licenzas no departamento de Urbanismo
A dixitalización de expedientes de Urbanismo non figura no prego de contratación para o subministro e implantación da administración electrónica
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019.- O grupo municipal do BNG presentou unha pregunta para coñecer os procedementos vai seguir o Goberno local para axilizar a tramitación de licenzas no departamento de Urbanismo. Ademais, recibiu queixas nas últimas semanas por mor da falta de dixitalización de expedientes.
Diante da situación de colapso que padece o departamento de Urbanismo no relativo á tramitación de licenzas municipais, que segue a provocar demoras inxustificadas para veciñanza e empresas que precisan realizar algunha obra ou abrir negocio na cidade, o grupo municipal do BNG quere saber que pasos se deron desde a entrada do PSOE á Alcaldía a este respecto e cal vai ser o mecanismo para mellorar a situación.
Ademais, o BNG recibiu queixas nas últimas semanas derivadas do atraso de licenzas por mor da falta de dixitalización de expedientes. En concreto, os expedientes que non son recentes non están a disposición do persoal de Urbanismo para consultas de arquivo, pois os departamentos non están conectados entre si; polo que esta persoa foi advertida de que a información da documentación sobre o local que precisa podería demorarse meses. Neste caso trátase da obtención de datos dun estabelecemento para abrir un negocio.
Para o BNG é fundamental que a dixitalización destes expedientes de Urbanismo se realice con urxencia, de feito non figura no prego de contratación do concurso para o subministro e implantación dunha solución de administración electrónica para o Concello de Santiago de Compostela. Isto é necesario para facilitar o labor tanto do persoal de Urbanismo como do Arquivo municipal, para poder ter información en liña e interrelacionada para a consulta e tramitación de expedientes.