O BNG insta ao alcalde a dirixir cara ao dominio .gal a web municipal de Santiago de Compostela
Require tamén que inclúa www.santiagodecompostela.gal na publicidade das actividades organizadas e use o dominio galego nas páxinas e correos electrónicos
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2016.- O BNG insta ao Goberno local a redirixir correctamente o dominio do Punto Gal na web institucional e nas demais de ámbito municipal, así como a promocionar www.santiagodecompostela.gal na publicidade das actividades organizadas e a mudar os enderezos dos correos electrónicos corporativos.
Hai seis meses, o grupo municipal do BNG lembráralle ao Goberno de CA a iniciativa aprobada en Pleno para rexistrar e activar o Punto Gal no enderezo da web institucional e nas demais de ámbito municipal. Porén, o executivo local dirixiu este dominio ao .org, á inversa do que cómpre para a súa promoción como elemento identificador de país.
Para o BNG, é mester mudar os correos electrónicos corporativos, cun proceso temporal de transición en que se redirixan, para implantar de xeito definitivo o dominio galego nas comunicacións do Concello de Santiago.
O BNG recórdalle tamén ao alcalde que está pendente un plan local de promoción e unha liña de axudas ás entidades e asociacións, aprobado en Pleno, co fin de que comecen a mudar as súas webs cara ao .gal, o que inclúe o preceptivo asesoramento para a migración de enderezos cara a este dominio.