O BNG insta ao Goberno local a poñerse as pilas na contratación do alumeado de Nadal
Cos prazos actuais xa non estaría para comezos de decembro, como demanda o pequeno comercio, e non se poden aducir escusas de novo Goberno, porque son cuestións de xestión ordinaria que hai que tramitar con certa solvencia
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2015.- Rubén Cela manifestou a preocupación do BNG sobre a falta de previsión na programación municipal de Nadal, pois só se coñece o traslado do mercado á nave 5 da praza de abastos. Imos requirirlle ao Goberno municipal que se poña as pilas para pór en marcha a contratación do alumeado de Nadal, explicou.
Nomeadamente preocúpanos a data da posta en funcionamento do alumeado público, o proceso de licitación non está realizado e iso require duns prazos para a presentación de ofertas, para a reunión das mesas de contratación, para a proposta de adxudicación, sinatura do contrato e posteriormente un prazo de 10 días para que a empresa gañadora poida instalar as luces de Nadal nas rúas de Santiago de Compostela, segundo indicou en rolda de prensa.
Para o pequeno comercio compostelán, como é unha demanda histórica do mesmo, sería conveniente que este alumeado público estivese operativo xa cando menos dende a ponte da Constitución e cos prazos que levamos vai estar máis preto de Noiteboa cando estea executado, afirmou Rubén Cela.
Así, o BNG insta ao Goberno municipal á maior celeridade posíbel pois este tipo de cousas que non son sobrevidas, porque a Noiteboa cae sempre a 24 de decembro e o Nadal a 25 e non se poden aducir escusas de novo Goberno, porque son cuestións de xestión ordinaria que hai que tramitar con certa solvencia.