Rubén Cela cualifica de cúmulo de despropósitos o proceso de contratación dos comedores escolares
CA tivo oportunidade de facer uns pregos distintos dos do PP, que priman o criterio económico por riba da calidade da comida e de produtos de proximidade
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2015.- Rubén Cela cualificou a situación producida pola renuncia das empresas de comedores como cúmulo de despropósitos e de comportamentos irresponsábeis, tanto por parte do Goberno municipal como por parte das empresas que participaron na licitación.
Para o BNG é un feito dobremente irresponsábel ao tratarse dun servizo especialmente sensíbel e co que habería que ter especial atención, explicou. Así, aludiu a que o Goberno local tomou posesión o 13 de xuño e non foi capaz de licitar o servizo de comedores até o 28 de agosto, o que provocou que non se puidese adxudicar antes do inicio do presente curso escolar, que se sabía con antelación que comezaría o 10 de setembro. Isto evidencia eivas na xestión ordinaria do Concello, descoñecemento dos tempos e das formas na tramitación da contratación pública por parte do grupo de Goberno e non saber priorizar, porque a contratación dos comedores escolares debera ser prioritaria dende o primeiro minuto, explicou Rubén Cela.
Referiuse tamén a que Compostela Aberta tivo a oportunidade de facer uns novos pregos de contratación que fosen moi diferentes dos usados polo PP, mais non o fixo agás nalgún cambio moi puntual. Así, cos actuais pregos, o criterio económico pesaba moito máis que a calidade da comida e non se usou a distancia nin a introdución de produto de proximidade, pese a que ían incluídas no programa electoral de CA a aplicación de políticas de quilómetro cero nos comedores de responsabilidade municipal que asuman a produción local como a principal fonte de subministro.
A terceira irresponsabilidade, a xuízo de Rubén Cela, é que neste momento este servizo se está a prestar sen soporte legal que o ampare. A isto sumoulle a irresponsabilidade dunhas empresas que renuncian a prestar o servizo nas condicións nas que se comprometeron a facelo e, até en dúas ocasións, media hora antes da realización da mesa de contratación, cos graves prexuízos e danos que iso lle vai causar para o Concello de Santiago.
Para o BNG, dixo, non é normal estar a mediados de novembro cos comedores escolares sen adxudicar e aínda será peor tendo en conta que a nova empresa non vai comezar até o ano próximo. O departamento de Educación tiña dende xuño dous grandes asuntos enriba da mesa: a licitación dos comedores e a licitación da xestión das escolas infantís e aínda non concluíu ningún deles, afirmou.
Do mesmo xeito que non se coñece o programa de conciliación de Nadal, que tería que estar operativo a 21 de decembro e aínda non se sabe o prazo, o custe nin a forma de inscrición, cando falta un mes para comezar, indicou o portavoz municipal nacionalista en Raxoi.