O BNG propón incluír nos Orzamentos de 2016 un programa de emprego local centrado no ámbito xuvenil

O BNG propón incluír nos Orzamentos de 2016 un programa de emprego local centrado no ámbito xuvenil

A taxa de desemprego supera o 50% entre os mozos e as mozas, unida aos índices de emigración máis altos que se recordan nas series históricas

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou en rolda de prensa unha moción que trasladará ao vindeiro Pleno para a inclusión, nos Orzamentos de 2016, dun plan de emprego local especialmente centrado no ámbito xuvenil “pois é o principal damnificado da situación socioeconómica dende o inicio desta crise”

Referiuse así á taxa de desemprego que supera o 50% entre os mozos e as mozas, unida aos índices de emigración máis altos que se recordan nas series históricas tanto no ámbito peninsular con destinos como Madrid, Barcelona e Baleares, como Alemaña, Brasil, Estados Unidos e Suíza, entre outros, “pola falta de posibilidades e de empregabilidade en Santiago de Compostela”, explicou.

Avanzou que o BNG demandará incluír nos Orzamentos municipais “unha partida económica destacada e un plan de actuación concreto” en materia de creación e consolidación de emprego que, xunto coa política social, serán “cuestións absolutamente irrenunciábeis para o exercicio 2016”.

Ademais, realizará unha batería de propostas para tratar este tema de xeito transversal “pois no pasado debate das Ordenanzas fiscais quedaron sen debater tanto as taxas e prezos públicos como o Imposto de Actividades Económicas (IAE) que pode conter medidas de apoio ao emprendemento e á creación de emprego xuvenil”. Por este motivo, indicou que o BNG seguirá a insistir “nalgunha das propostas relacionadas coa empregabilidade que non se aceptaron no debate das ordenanzas fiscais, supostamente por unha cuestión de forma, como é a bonificación no IBI do 50% para as unidades familiares onde todos os membros estivesen en situación de desemprego; porque non hai ningún impedimento a que se poida formular como subvención específica nese sentido”.

O BNG propón incluír nos Orzamentos de 2016 un programa de emprego local centrado no ámbito xuvenil