Rubén Cela acusa o alcalde de botar balóns fóra na contratación dos comedores escolares
Este servizo está sen cobertura contractual dende o 13 de novembro
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, a preguntas de xornalistas sobre o conflito do Goberno local xerado pola contratación dos comedores escolares, afirmou que por parte do goberno terxiversáronse cara a opinión pública as funcións e competencias da Mesa de Contratación, porque o órgano de contratación do Concello é a Xunta de Goberno e porque non é á Mesa de Contratación a quen lle compete determinar os pasos a dar a partir de hoxe.
Segundo o portavoz nacionalista, o único que fixo a Mesa de Contratación convocada hoxe foi ditaminar que este concurso quedaba deserto e asumir un informe do servizo de contratación no que se insta ao órgano de contratación a tramitar o correspondente expediente para analizar se as circunstancias nas que se produciron a retirada das ofertas presentadas, pode ter algún tipo de consecuencia polos prexuízos causados ao Concello de Santiago.
Quen ten a responsabilidade de decidir os pasos que se van dar agora é o grupo de Goberno, que é quen ten que decidir se quere converter este concurso público nun negociado sen publicidade, se quere sacar un novo concurso público ou modificar os pregos de contratación se considera que non son acaídos ou se prefire buscar outro tipo de fórmulas de xestión, engadiu.
Para o BNG, o importante é garantir que os nenos e as nenas poidan ter ese servizo de comedores e nas mellores condicións posíbeis, afirmou, mais non é indiferente que ese servizo dende o 13 de novembro estea sen cobertura contractual. Tamén lle corresponde ao grupo de Goberno tomar as medidas que estime oportunas para solucionar esta situación, cando menos, anómala.
Dende o BNG fíxose un chamamento a que o Goberno local exerza as funcións que lle corresponden como Goberno e deixe de facerlle oposición á oposición.