O BNG require que Feijóo antepoña os intereses de Santiago e acepte emendas do BNG aos Orzamentos
Dende que goberna Feijóo, en Santiago de Compostela non se crearon prazas públicas de escolas infantís, vivendas de protección pública nin residencias
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2015.- A deputada Ana Pontón e o portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentaron as emendas do BNG aos Orzamentos da Xunta 2016, cunha valoración crítica porque son dos peores das últimas décadas para Santiago de Compostela e non están á altura do que precisa a capital de Galiza.
Coa batería de propostas do BNG, que alcanza os 10 millóns de euros de incremento en diversas partidas, faise un chamamento ao PP para que non pase o rodillo da maioría absoluta e que antepoña os intereses da cidade aos intereses de partido, indicou Rubén Cela.
Así, unha parte das emendas van dirixidas a reconducir a política social. Lembrou Rubén Cela que as últimas vivendas de protección pública, as últimas prazas de escolas infantís públicas e as últimas residencias para persoas maiores que se fixeron en Santiago de Compostela son da época do bipartito na Xunta e de responsabilidade do BNG. Dende que goberna Feijóo, Santiago de Compostela está estancado neses ámbitos, engadiu.
Na outra banda, figura o paquete de obras e de infraestruturas para gañar calidade urbana, como a estación depuradora que foi un esquecemento do PP incluíla. O BNG require 1,5 millóns de euros para a EDAR. Para o BNG é importante reforzar a partida da variante de Aradas, cun incremento de 1 millón de euros porque a consignada é de 600.000 euros que non dá nin para as expropiacións. Outra das preocupacións do BNG é a estación intermodal, para o que require engadir 400.000 euros á partida simbólica que figura no Orzamento de 2016. O BNG fai unha proposta dunha partida de 700.000 euros para os colexios públicos de Santiago de Compostela, para que poidan atender as demandas máis urxentes que lle corresponden á Xunta. Outra de 500.000 euros, para a conservación da rede viaria da Xunta no termo municipal, para estradas como a AC-543, AC-842, AC- 453 e AG-59.
Referiuse tamén a compromisos adquiridos coa cidade e que se volven incumprir, como a proposta dun aumento da partida do Estatuto de Capitalidade de 500.000 euros que quedou conxelada á baixa; outra proposta de incremento ao Consorcio da Cidade de 400.000 euros e outra partida de 500.000 para o proxecto do que debera ser a nova Escola Oficial de Idiomas e o Centro de Saúde de Conxo. É o momento de que se o PP ten vontade, algunhas destas emendas se poidan debater, consensuar e pactar, indicou, porque estas propostas son positivas para Santiago de Compostela e moi ponderadas nos termos económicos que se presentan.
Universidade, sanidade e loita contra os desafiuzamentos
Pola súa parte, Ana Pontón sinalou que estes orzamentos da Xunta carecen de sensibilidade social e de proxecto de país, ademais de ser un erro porque continúan na senda dos recortes, da destrución de emprego, da emigración e na falta de prestación de servizos sociais na Galiza e iso ten consecuencias na calidade de vida e no incremento das desigualdades. Por iso é importante introducir correccións nalgunhas partidas, explicou, e referiuse ás relacionadas con Santiago de Compostela que teñen a ver co sistema universitario galego. Entendemos que as Universidades galegas están nunha situación crítica e o PP leva adiante unha política de afogamento económico que condiciona o futuro da calidade educativa e por iso é importante pórlle freo ao deseño de universidade elitista que leva adiante o PP, afirmou.
O BNG propón un incremento de 27 millóns de euros para as universidades galegas en investimento fixo e reclama que se reforce un acceso igualitario a través de bolsas de estudos cunha dotación de 11 millóns de euros, se queremos unha sociedade que se vertebre sobre o coñecemento e onde a educación sexa un valor importante para o país, explicou a deputada parlamentar.
Sobre os recortes de persoal en Sanidade, con grande incidencia no Hospital e na Rede de Atención Primaria, propoñemos unha partida de 23 millóns de euros para que se poida incrementar a contratación de médicos/as, enfermeiros/as, celadores/as..., dixo Isto contribúe tamén á redución de listas de espera, un grave problema na área sanitaria de Compostela, agregou.
Ademais, a nacionalista sinalou o problema dos desafiuzamentos que se centran fundamentalmente en persoas que non poden pagar o seu alugueiro. Neste sentido, o BNG propón un cambio substancial na política contra os despexos e unha partida de 24 millóns de euros para atender a problemática máis urxente e garantir un dereito humano e fundamental como é o dereito á vivenda.
Destacou tamén a necesidade de reforzar a política social en Compostela e avanzar nunha mobilidade máis sustentábel e darlle solucións a problemas estruturais da cidade. A chegada de Núñez Feijóo significou a conxelación do gasto en política social en Santiago de Compostela, que supón un retroceso porque hai demandas que non están cubertas e cremos que hai que facer investimento en vivenda pública, a través dunha emenda de 1,5 millóns de euros especificamente para Santiago de Compostela; así como a destinada a avanzar no ámbito educativo cun novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas para ampliar a oferta existente, cunha partida de 500.000 euros; avanzar nos proxectos para dotar de escolas infantís os barrios que carecen delas como o de Sar ou o de Santa Marta; unha partida de 1 millón de euros para o centro de saúde de Conxo; 200.000 para iniciar a posta en marcha dun centro de día e 700.000 euros para melloras dos centros educativos composteláns.
Eran uns orzamentos raquíticos e desconectados das necesidades dos veciños e das veciñas de Santiago de Compostela, por iso as emendas do BNG van encamiñadas a medidas que signifiquen unha mellora real das condicións de vida para persoas maiores, nenos e nenas e vivenda pública, entre outras, que son a mellor fórmula para corrixir as desigualdades, concluíu.